A Deputación subvenciona o máximo importe solicitado polos concellos para as asistencias técnicas dos fondos europeos para a mellora de instalacións deportivas
En total destinará máis de 210.000 € para que os municipios poidan presentar proxectos á nova convocatoria europea, dotada con máis de 36 millóns de euros do Plan de Recuperación
16/06/2023
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar as axudas correspondentes á liña extraordinaria de subvencións para colaborar cos concellos na preparación da documentación para optar á próxima convocatoria para o fomento do turismo deportivo sostible do Plan de Recuperación do Goberno de España, que terá un orzamento total de máis de 36 millóns de euros a cargo dos fondos europeos Next GenerationEU, e que está destinada á mellora de instalacións deportivas municipais. En total, son 26 os concellos de menos de 50.000 habitantes que solicitaron a subvención e recibirán 212.321 euros, xa que a Deputación outorgou a cada municipio o máximo do importe solicitado.
Agolada, Bueu, Caldas de Reis, A Cañiza, Covelo, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Oia, Pazos de Borbén, Pontecesures, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Tui e Vilanova de Arousa foron os concellos da provincia que solicitaron as achegas, que van desde os 3.327 aos 17.787 euros, cos que poderán sufragar os gastos das asistencias técnicas que se contraten para preparar a documentación necesaria, así como para a redacción e/ou adaptacións dos proxectos que se poidan acoller a esta convocatoria do Consello Superior de Deportes. En concreto, os proxectos para os que os concellos solicitan as asistencias técnicas céntranse en espazos deportivos como pavillóns municipais, áreas recreativas fluviais, campos de fútbol, complexos deportivos, campos de regatas, piscinas municipais ou instalacións deportivas en diferentes espazos, entre outros.
A finalidade da convocatoria que o Goberno do Estado activará proximamente é, a través da mellora das infraestruturas e espazos deportivos municipais, fomentar o turismo deportivo sostible, intentando que o deporte aumente o potencial de atracción de turismo nacional e internacional dos concellos. Preténdese así incrementar a actividade económica sostible e o emprego en zonas rurais, de menor densidade de poboación ou que están sendo abandonadas, incidindo na igualdade e a inclusión, a dixitalización e a eficiencia enerxética.