A Deputación esgota en menos de dez minutos as prazas para participar na ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas na costa sur da Ría de Arousa

Da man de SEO/BirdLife, 25 persoas visitarán o próximo domingo 9 de marzo un dos mellores lugares de Galicia para a invernada de aves acuáticas

24/02/2025

Só oito minutos foron suficientes para esgotar todas as prazas dispoñibles para participar na ruta do programa Voando nas Rías Baixas na costa sur da Ría de Arousa, nun tramo que corresponde cos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a segunda das sete rutas ornitolóxicas organizadas este ano pola Deputación de Pontevedra para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia, así como da importancia de conservar o medio natural. A ruta na costa sur da ría de Arousa terá lugar o domingo 9 de marzo.

A ría de Arousa é un dos mellores lugares de Galicia para a invernada de aves acuáticas, por iso nesta actividade se visitará parte do seu tramo sur para observar as grandes poboacións de corvo mariño grande que alí invernan. As 25 persoas participantes tamén poderán observar gaivotas comúns, virapedras comúns, mazaricos, pilros, gaivotas de cabeza negra, choronas, garzas, algún mourelo e ata algunha mobella grande, da man de dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado e cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 continúa coa ruta das Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), o 25 de maio, e a ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño. Posteriormente o 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 9 de novembro, e en último lugar a ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), pechando o calendario da edición o 14 de decembro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.