A vicepresidenta Luisa Sánchez visita o mercado de Nadal da Asociación Española Contra o Cancro en Vigo

05/12/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou o mercado de Nadal que organiza cada ano a Asociación Española Contra o Cancro en Vigo, que chegou xa á súa vixésimo novena edición. A vicepresidenta trasladou os seus parabéns aos máis de 60 voluntarios e voluntarias que participan nesta actividade, coa que a asociación recada fondos para poder seguir dando apoio e acompañamento ás persoas doentes e ás súas familias e tamén para seguir investigando co obxectivo de acadar o 70% de supervivencia de cancro cara ao ano 2030.

Luisa Sánchez convidou a cidadanía de Vigo e da provincia a asistir ao local, situado na rúa Hernán Cortés, para facer as súas compras de Nadal dunha forma solidaria e tamén para informarse sobre os programas e servizos que a entidade ofrece de forma gratuíta.