A Deputación lanza a VIII edición do programa “DepoEmprende” para fomentar o emprendemento na educación primaria e especial, na ESO e na FP

O prazo de inscrición estará aberto desde este venres 16 de xuño ata o 29 de setembro e poderán participar ata 32 centros educativos da provincia

15/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a oitava edición do programa provincial DepoEmprende, que se desenvolverá ao longo do vindeiro curso escolar 2023-2024. A iniciativa provincial ten como obxectivo fomentar o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, así como favorecer o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación e á convivencia. O programa volverá estar dividido en tres proxectos para as diferentes etapas da Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional e, trala publicación este xoves 15 de xuño das bases no Boletín Oficial da Provincia (Boppo), os centros educativos da provincia poderán solicitar a súa adhesión ao programa desde mañá venres, 16 de xuño, ata o 29 de setembro, por vía electrónica.

Deste xeito, no caso de DepoEmprende na Escola, dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial, poderán participar un máximo de 12 centros que crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade, doaranse a accións sociais ou ás ONG que as socias e socios da cooperativa elixen por consenso. Por outra banda, DepoEmprende na ESO está enfocado a mozos e mozas de 15 a 16 anos (4º da ESO) que crearán tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras segundo criterios de sostibilidade e Responsabilidade Social Corporativa. Finamente, o proxecto culminará coa venda dos produtos e tamén unha parte irá destinada a accións sociais ou ONG. Nesta modalidade, na que poderán participar un máximo de 10 centros da provincia, o alumnado é protagonista da súa propia aprendizaxe, poñendo en práctica capacidades de negociación, de toma de decisións, de comunicación e resolución de conflitos.

EDepoEmprende na FP vai dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que a través desta iniciativa desenvolverá proxectos empresariais dun sector que preferentemente estea relacionados coa familia co ciclo formativo que cursen, nos que se potenciará a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento, tanto no ámbito empresarial como no autoemprego, e as actitudes necesarias para asumir riscos e responsabilidades. Así mesmo, o alumnado poderá participar nos Premios Demo Day convocados ao abeiro deste proxecto. A institución provincial ofrece un servizo de asesoramento que comprende apoio, mentorización, orientación e asesoramento directo ás e aos estudantes no proceso de desenvolvemento dos proxectos e iniciativas emprendedoras viables. Isto inclúe desde guiar o proceso de desenvolvemento da idea e do plan de negocio ata a planificación do plan de lanzamento. Tamén neste caso a iniciativa está aberta a un máximo de 10 centros.

Ao longo do programa, a Deputación dotará aos centros participantes de  recursos e ferramentas para posibilitar o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as cales se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación. A ferramenta principal é o Portal Educativo de DepoEmprende, unha plataforma que facilita e dinamiza a institución provincial a fin de potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.