O programa da Deputación para o fomento da cultura emprendedora, “Depoemprende na ESO”, péchase cun mercado solidario en Pontevedra
135 rapazas e rapaces de 4º da ESO de Pontevedra, Redondela, Tui, Moaña e Gondomar concentráronse na Praza da Peregrina para vender os produtos creados polas cooperativas nadas ao amparo da 7ª edición do programa e centradas na natureza, ecoloxía e cultura
07/06/2023
O programa da Deputación para o fomento da cultura emprendedora en centros de secundaria, “Depoemprende na ESO”, vén de poñer o broche de ouro á súa sétima edición cun mercado solidario efémero en Pontevedra. Un total de 135 rapazas e rapaces de 4º da ESO de Pontevedra, Redondela, Tui, Moaña e Gondomar, acompañadas/os de 8 profesoras/es, concentráronse na Praza da Peregrina para demostrar as súas artes como vendedoras/es dos produtos creados polas cooperativas nadas ao amparo do programa provincial, estreitamente relacionadas coa natureza, a ecoloxía, a cultura e a reciclaxe. A deputada provincial en funcións Ana Mejías e a concelleira en funcións de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, visitaron o mercado e fixeron entrega dos diplomas aos cinco centros participantes. Tamén asistiron ao acto María del Carmen Jul Barreiro, asesora de emprendemento na Subdirección Xeral de Formación Profesional, Miguel Lago, presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, e Diana Pastoriza, xerente de AEMPE.
As cooperativas “Ecop”, “Icepolo”, “Ecoseoane” e “Copeponte”, do IES Luis Seoane de Pontevedra; “Roá” e “Artesanilla” do IES Illa de San Simón de Redondela; “Copegal” e “Golorico”, do IES San Paio de Tui; “Costa Vela” do IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña; e “Kaylate S. Coop” do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar, creadas no marco desta sétima edición de “DepoEmprende na ESO”, ocuparon a Praza da Peregrina no mercado efémero e solidario no que puxeron á venda produtos elaborados e/ou comercializados por elas/eles mesmas/os ao longo do curso. Marmeladas ecolóxicas, mel, pastas, rosquillas, crema de cacahuete, chourizo ecolóxico, chocolates e chocolatinas, cafés, produtos de artesanía Avelaíña, aceite de oliva, bolígrafos, peites, pen drives, perfumes, xabóns naturais, galletas, bolsas, xoguetes ecolóxicos ou camisetas elaboradas con tecidos orgánicos, foron algúns dos produtos vendidos e cuxa parte dos beneficios irán parar a entidades protectoras de animais como as protectoras de Tui (Aloia) e do Morrazo, a Asociación de Axuda a Nenas e Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), a Asociación Participa para a Inclusión Social, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), a Residencia Santelmo e tamén outros colectivos deportivos e sociais como o Gondomar C.F.
O peche de “DepoEmprende na ESO”, no que ademais dos centros educativos de Gondomar, Moaña, Pontevedra, Redondela e Tui tamén participou o IES da Guía de Vigo, completa o ciclo de clausura doutros programas de fomento da cultura emprendedora en centros educativos liderados pola Deputación de Pontevedra como “DepoEmprende na Escola”, do que formaron parte este curso dez centros educativos de Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Ribadumia, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía, e “DepoEmprende na FP”, con seis centros educativos de Gondomar, As Neves, Pontevedra e Vigo.