O Museo acolle este sábado un ‘Vieiro polo Museo con Florencio Delgado’ para conmemorar as Letras Galegas

No mes de xuño continúan as actividades de Polo Correo do Vento organizadas polo departamento provincial de Lingua en Tui, Pazos de Borbén, Baiona, Meis, O Rosal e Redondela

06/06/2022

Florencio Delgado

O Museo de Pontevedra vai acoller o vindeiro sábado 11 de xuño un ‘Vieiro polo Museo de Pontevedra con Florencio Delgado’. Trátase dun percorrido pola traxectoria vital e literaria do autor protagonista este ano do Día das Letras Galegas guiado por Polo Correo do Vento  a través de artistas que colaboraron con el na revista Vieiros ou tiveron contacto ao longo da súa vida: Castelao, Seoane ou Arturo Souto, entre outros.

A actividade será o sábado ás 12:30 h e a entrada será libre para público familiar ata completar cabida. Trátase dunha das iniciativas postas en marcha para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se iniciaron no mes de maio con varias sesións de contacontos ilustrados dirixidos a escolares co obxectivo de afondar na figura do poeta ourensán.

Xa da man do departamento provincial de Lingua, tamén continúan no mes de xuño as actividades para conmemorar as Letras Galegas coa xira do espectáculo ‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’. As representacións, que xa comezaron en maio, seguirán este mércores día 8 á unha da tarde no CEIP Pazos de Borbén, do mesmo concello; o mesmo día ás seis da tarde na biblioteca municipal de Tui; o día 10 en Baiona (lugar por determinar); o 11 ás oito da tarde na Praza de España en Meis; o 13 ás 10.30 h no Auditorio Municipal do Rosal, e o 29 en Redondela ás seis da tarde no Centro Cultural Manuel Lamazares.

Trátase dun espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, unha das voces máis senlleiras da literatura do exilio polo que nas actividades de realce da súa figura organizadas dende o organismo provincial era precisa unha programación que tivera como protagonismo á cativada.

Na actividade alternarase a narración da biografía de Delgado Gurriarán, coa creación dunha ilustración  e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realice a súa propia caricatura  do autor.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.