A Deputación mantén aberto ata o próximo mércores 26 de marzo o prazo para solicitar axudas para a promoción e o impulso do turismo na provincia de Pontevedra

Trátanse das liñas de achegas para o impulso de actividades turísticas e a divulgación de recursos, dotada con 80.000 €, para a promoción de eventos deportivos de interese turístico, con 100.000 €, e para a dotación de persoal nas 31 oficinas da rede Info Rías Baixas, con 280.000 €

19/03/2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o mércores 26 de marzo o prazo para solicitar as axudas para impulsar o turismo na provincia neste 2025, tres liñas que suman un total de 460.000 euros. En concreto, trátanse de 80.000 euros para que entidades sen ánimo de lucro realicen actividades centradas na promoción do sector turístico ou na divulgación de recursos turístico da provincia, 100.000 euros para promover eventos deportivos de interese turístico e con proxección mediática exterior e 280.000 euros para dotar de persoal as 31 oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas.

A primeira das liñas de axudas, dirixida a entidades sen ánimo de lucro para actividades turísticas, destinará por concorrencia competitiva ata un máximo de 5.500 euros por proxecto, non podendo exceder o 70% do orzamento do mesmo. As actividades, que terán que desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2025, deben dirixirse a promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como a divulgar os recursos turísticos da provincia como poden ser a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enogastronomía, a saúde, o benestar e o termalismo.

No segundo caso, as achegas están destinadas a fomentar a actividade turística a través do deporte e trátase dunha liña de axudas por concorrencia competitiva que se estreou o pasado ano. O obxectivo é apoiar a celebración de eventos deportivos relevantes e con proxección mediática exterior, que se celebren durante este ano. En liñas xerais, cada entidade beneficiaria poderá recibir un máximo de 9.000 euros, sempre que non supere o 40% do custo total do evento.

Por último, 280.000 euros están destinados á prestación dos servizos de información e atención aos visitantes nas 31 oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas. A través destas achegas poderán financiarse tanto os custos salariais de persoas empregadas públicas que presten servizos de atención ao público como os derivados da contratación do servizo. O importe máximo da subvención para cada unha das entidades solicitantes non poderá exceder o 75% do seu orzamento nin superar os 7.000 euros no caso de que se subvencionen os custos derivados da contratación dunha persoa informadora nas oficinas de turismo. Nos concellos declarados como “municipio turístico”, poderán dispor de dúas persoas informadoras, e o importe máximo da subvención ascenderá aos 14.000 euros.