A Deputación ultima os días para solicitar as residencias artísticas Novos Valores en Bruxelas e Madrid
O venres 17 remata o prazo desta convocatoria da Deputación que levará a dous creadores emerxentes da provincia á Fondation Walter & Nicole Leblanc e a Matadero Madrid para crear obras que se exhibirán na Bienal de Pontevedra
14/01/2025
Este venres 17 de xaneiro remata o prazo para solicitar as dúas prazas que convoca a Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, para as residencias artísticas Novos Valores. A convocatoria permitirá a dous creadores emerxentes da provincia realizar residencias artísticas na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas e no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, co obxectivo de crear obras que se exhibirán o próximo verán na Bienal de Pontevedra.
Vinte anos despois de poñer en marcha o certame de artes plásticas Novos Valores en 2004, a Deputación reorienta este proxecto substituíndo o certame por un programa de residencias artísticas internacionais. O obxectivo é darlle un novo pulo cunha perspectiva máis actualizada. Búscase que o Museo de Pontevedra non sexa só un lugar de exhibición para os novos creadores, senón que tamén contribúa á creación de obras plásticas.
Con esta convocatoria concederanse dúas axudas destinadas a promover a creación artística contemporánea en vivo. As persoas seleccionadas gozarán dunha residencia de catro semanas entre os meses de febreiro e abril na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas, e tres meses en Matadero Madrid, entre abril e xullo. Está dirixida a creadores, investigadores ou comisarios nados ou residentes na provincia de Pontevedra, cun nivel de inglés ou francés alto.
As persoas solicitantes deberán presentar un proxecto artístico de creación específico, orixinal e inédito, de calquera modalidade de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo, entre outros. O proxecto deberá executarse durante o período das residencias e o resultado amosarase publicamente con motivo da Bienal de Pontevedra, que celebrará a súa 32ª edición do 21 de xuño ao 30 de setembro de 2025. Para desenvolver estas residencias, as persoas seleccionadas recibirán unha bolsa de 9.500 € cada unha.
A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa seguir apoiando a creación artística, así como dar visibilidade a proxectos artísticos contemporáneos, impulsar a formación e a promoción da arte, e contribuír ao establecemento de redes creativas e colaborativas na arte, o deseño e a ciencia, tanto desde a teoría como desde a práctica.