En marcha os traballos previos do estudo arqueolóxico e histórico-artístico sobre Santa Clara
César Mosquera afirma que o Museo está a agardar pola inminente autorización de Patrimonio para realizar as catas
01/07/2022
O vicepresidente Os traballos dos estudos arqueolóxicos e históricos sobre o convento de Santa Clara están xa en marcha. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen destacou que o persoal investigador xa fixo un baleirado da documentación existente sobre a construción nos arquivos do Museo, o Arquivo Provincial e no Arquivo do Reino de Galicia, quedando aínda pendente o propio arquivo de Santa Clara en Santiago.
Polo momento non se iniciaron as catas arqueolóxicas, pendentes do informe de Patrimonio da Xunta, que se espera de maneira inminente. “Sabemos que o informe está a punto de chegar, pero mentres tanto non estivemos parados, traballamos no que podemos traballar e avanzar”, salientou Mosquera.
A empresa que está a realizar os traballos é a UTE formada por Citania Arqueoloxía-Prospectiva e Análises Arqueolóxicas SLP, que ten un prazo de seis meses para completar o seu labor. Como xa se dixo, o estudo sobre Santa Clara será o máis amplo e profundo da súa natureza que se leva feito en Pontevedra e en Galiza ata o momento.
Analizaranse 15.417 metros cadrados de superficie do complexo conventual grazas a un amplo equipo de traballo multidisciplinar que estará formado por 20 persoas, entre as que haberá arqueólogas, restauradoras, antropólogas, historiadoras, documentalistas e outro persoal técnico.
Unha vez realizada a investigación e documentación desde o punto de vista histórico-artístico da evolución do conxunto conventual desde as súas orixes ata a actualidade, así como a caracterización das súas fases construtivas, prevese comezar coas escavacións masivas, levantándose incluso boa parte do claustro da construción. Tamén se vai realizar unha lectura estratigráfica dos paramentos das edificacións coa finalidade de recoñecer os diferentes episodios construtivos-destrutivos desenvolvidos ao longo dos máis de 750 anos de historia do convento, e avaliar a potencialidade arqueolóxica deste ámbito do borde do conxunto histórico de Pontevedra, que sufriu poucas transformacións desde a Idade Media ata a actualidade. Así mesmo, farase unha lectura do subsolo.
O estudo sobre Santa Clara debe servir de base ao proxecto de rehabilitación da edificación e recuperación dos espazos exteriores e aclarar finalmente se o edificio pode ser aproveitado para formar parte do conxunto do Museo.