Mariana Carballal, María Vázquez e Beli Martínez foron as triunfadoras da terceira edición dos Premios Mulleres no Foco que entrega a Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñeceu o talento e a traxectoria das premiadas e do resto de nomeadas nunha gala amenizada coa música do grupo Fillas de Cassandra

20/10/2023

mulleres no foco

As actrices Mariana Carballal e María Vázquez, xunto coa produtora Beli Martínez foron as gañadoras da terceira edición dos premios Mulleres no Foco entregados este venres no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra, un certame promovido pola Deputación e a Asociación de Mulleres CIMA que ten o obxectivo de darlle visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual. Na cerimonia de entrega destes galardóns, que estivo amenizada coa música do grupo Fillas de Cassandra e que contou coa presenza de representantes do audiovisual galego e da Administración, participou o presidente provincial, Luis López, que recoñeceu o talento, pero, sobre todo, o traballo das tres premiadas e das outras dezasete nomeadas para conseguir que a muller teña a representatividade que merece no noso cinema.

“Hai unha provincia que todos os días se formula en feminino, e nese espello mirámonos a diario. Esa provincia de mulleres anónimas que dan pasos silenciosos pero cruciais para derrubar barreiras no fogar e no traballo, esa provincia da escritora María Xosé Queizán, da campioa Tere Abelleira, da doutora África González, da maxistrada Paz Filgueira e de tantas outras que son líderes nos seus respectivos eidos; a provincia das vinte nomeadas a estes premios. Ser candidata a recibir un destes premios significa que o voso traballo transcende, e que a vosa obra é moito máis que unha moi boa produción”, reivindicou o mandatario Luis López.

Da produtora guardesa Beli Martínez destacou Luis López que “é unha pioneira da sétima arte” capaz de abrir camiños para as novas xeracións tanto nos seus traballos coma no seu labor de docente. O “compromiso” de Mariana Carballal coa cultura do cinema do noso territorio “ábrese a todos os eidos: á dirección, á docencia, á animación sociocultural, á televisión e tamén á gran pantalla”, subliñou o dirixente provincial. O “rostro familiar” da intérprete María Vázquez é un poder que a viguesa emprega para exercer de referente na “visibilización da muller no audiovisual”, remarcou o presidente. De todas elas e do conxunto de profesionais que compoñen a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), confesou que “representan perfectamente a loita pola igualdade”.

Estas tres profesionais de dilatada e exitosa traxectoria foron as seleccionadas polo xurado, entre un total de vinte nomeadas, que “todas reunides os méritos suficientes para serdes merecedoras do Mulleres no Foco de 2024”, admitiu López; para subir ao escenario e recoller un galardón dotado cun premio de 5.000 euros, pero, sobre todo, co “recoñecemento do público e de tantas mulleres aí fóra”.

Poñendo o foco nas verdadeiras protagonistas e a razón de ser desta gala, Luis López recoñeceu que “aínda queda camiño para que a igualdade deixe de ser un desexo” e compartiu unha reflexión: “Está moi ben considerar a igualdade como unha meta, sempre que traballemos incansablemente para cruzala algún día de verdade. Todas e todos”.

Rematou o presidente da Deputación o seu reivindicativo discurso lamentando que aínda queden persoas “cun foco demasiado cativo para entender que na igualdade, cantas máis visións, canta máis complicidade, canta máis pluralidade, mellor”.

“Máis que un reto, é unha obriga acadar esa sociedade igualitaria”, dixo Luis López no remate da terceira edición da gala Mulleres no Foco que conducirá, “co apoio da Deputación de Pontevedra, que vai seguir situando a igualdade no centro da súa acción, e coa vosa implicación imprescindible; cara a unha provincia na que a igualdade irá a máis”.

Galerias de imagenes

videos