A Deputación destina preto de 850.000 € a 91 clubs deportivos de 27 concellos que compiten a nivel estatal

Na súa meirande parte correspóndense con clubs deportivos de ciclismo, balonmán, fútbol, fútbol sala, tenis de mesa, baloncesto, voleibol e atletismo. Tamén se benefician destes recursos clubs de esgrima, surf, vela, natación ou tiro con arco

10/06/2023

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar as subvencións dirixidas a clubs deportivos da provincia de Pontevedra que participan en competicións oficiais de ámbito estatal neste ano 2023 e nas que inviste preto de 850.000 €. Son un total de 91 os clubs deportivos beneficiados destas axudas e que están radicados en 27 concellos da provincia. Por disciplinas deportivas, a maioría destes clubs beneficiarios son de ciclismo (13), seguidos dos de balonmán (11) e fútbol (10), fútbol sala e tenis de mesa (con 8), baloncesto (7), voleibol e atletismo (2), mentres que un total de 29 clubs enmárcanse noutros deportes como a esgrima, surf, vela, natación ou tiro con arco.

Estes recursos chegarán a todas as comarcas da provincia. Para a comarca de Vigo aprobáronse 390.421 euros en subvencións para 43 clubs de 5 concellos, que se reparten do seguinte xeito: Vigo con 335.194€ para 33 clubs; Redondela con 46.685 € para 5 clubs; Mos con 20.500 € para 2 clubs; O Porriño con 20.769 € para 2 clubs e Pazos de Borbén, con 2.772€ para 1 club. Amais, a comarca de Pontevedra recibirá 120.062 euros para 14 clubs de 3 concellos. Serán para Pontevedra con 102.520€ para 11 clubs; para Marín 14.487€ para dous clubs e Cuntis, 3.054€ para 1 club.

Deza e Terra de Montes recibirán 58.424€ para 6 clubs de tres concellos. 38.389€ para 3 clubs da Estrada; 18.311€ para 2 clubs de Lalín e 1.724€ para 1 club de Silleda. Os fondos para a O Salnés son 124.542 euros para 11 clubs de 7 concellos que se repartirán entre Vilagarcía con 47.287€ para 3 clubs; Ribadumia con 18.000€ para 1 club; Sanxenxo con 37.197€ para 2 clubs; Cambados con 5.000 € para 1 club; Meis, con 5.000€ para 1 club; Meaño con 11.700 € para 2 clubs; e Catoira con 358€ para 1 club.

Por outra banda, a comarca do Morrazo foron aprobados 50.500€ para 4 clubs de 2 concellos que chegarán a Bueu con 15.000 € para 1 club e Cangas, con 35.500 € para 3 clubs.  O Baixo Miño terá 32.086€ para 2 clubs de 2 concellos. Os fondos provinciais irán a parar a un club do Rosal que recibirá 25.000€ e a outro de Oia que contará con 7.086€. Amais, no Val Miñor repartiranse 21.698€ entre 3 clubs, 2 deles en Gondomar (19.511€) e 1 en Nigrán con 2.178€. Así mesmo, aprobáronse recursos para a comarca do Condado e da Paradanta con 44.736€ para 8 clubs de 3 concellos. Serán Ponteareas con 20.118 € para 6 clubs, A Cañiza con 20.000€ para 1 club e As Neves con 4.618€ para 1 club .