A Deputación destina 620.000 € a preto de 500 clubs deportivos para competicións federadas no ámbito inferior ao estatal

Luis López destaca que con estas achegas, que lles permiten ás entidades financiar gastos federativos, de desprazamentos ou de material, entre outras cuestións, a institución provincial “segue a impulsar o tecido deportivo desta provincia”

10/11/2023

Luis López na sala de prensa da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde definitiva ás subvencións dirixidas aos clubs da provincia que participan en competicións de ámbito inferior ao estatal. A institución provincial, como destacou o presidente Luis López, repartirá un total de 620.000 € entre case 500 entidades “para seguir a impulsar o tecido deportivo desta provincia, o que, xunto cos recursos dos novos Orzamentos, é unha mostra do claro impulso ao deporte por parte deste Goberno”. Coas axudas aprobadas, as entidades poderán afrontar gastos federativos, de desprazamento, de persoal ou de adquisición de material para participar nestas competicións.

Da citada cifra, un total de 575.000 euros repartirase entre 480 clubs deportivos de 54 concellos de variadas disciplinas deportivas (as achegas van desde os 90 aos 2.500 €), mentres que os restantes, máis de 43.000 euros, distribúense entre nove clubs de fútbol de seis concellos da provincia que compiten no Grupo Sur da Liga Preferente de Galicia (recibirán entre 4.150 e 5.000 €).

Os clubs que se beneficiarán destas axudas abarcan todas as disciplinas deportivas, desde clubs de fútbol, balonmán ou baloncesto, ata clubs ciclistas ou de motociclismo, de pesca deportiva, esgrima, bádminton, rugby, xadrez, ximnasia rítmica, atletismo, tenis, tenis de mesa, natación, hípica, patinaxe, baile deportivo, pádel, squash, montañismo, karate, kung fu, loita, judo, taekwondo, caza, bolos, petanca, halterofilia, boxeo, hóckey, pesca submarina ou esquí náutico.

 

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.