A Deputación destinará en 2024 máis de 9,5 millóns de euros ao impulso do deporte na provincia, un 20 % máis que este ano

Destinaranse 5,5 millóns de euros a partidas específicas para o fomento do deporte e outros 4 millóns de euros ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, do que se beneficiarán os concellos da provincia

07/11/2023

Converter a Pontevedra na provincia do deporte e no escenario ideal para acoller grandes eventos deportivos será a máxima do Goberno provincial de Luis López en 2024. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra destinará o vindeiro ano máis de 9,5 millóns de euros ao impulso do deporte na provincia, un incremento de máis do 20 % respecto a 2023. Destes recursos, 5,5 millóns de euros destinaranse a partidas específicas para o fomento do deporte e outros 4 millóns de euros ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, do que se beneficiarán os concellos da provincia.

Pontevedra como escenario de grandes eventos deportivos

Para poder converter a provincia de Pontevedra no escenario de grandes eventos deportivos, o Goberno de Luis López destinará en 2024 máis de 1,2 millóns de euros, o que supón duplicar os 640.000 aprobados para o mesmo cometido neste 2023. Do total deste importe, é significativo o incremento das partidas de patrocinios deportivos e da liña de subvencións dirixida aos clubs deportivos para o impulso de actividades nesta materia, que aumentan un 67 %. Así, os patrocinios pasan dos 300.000 euros deste 2023 aos 500.000 euros que sumarán o vindeiro ano e a liña de subvencións para actividades deportivas medrará tamén dos 300.000 euros deste ano aos 500.000 euros do próximo.

Ademais, multiplícase case por cinco o financiamento de actividades deportivas e xuvenís en 2024, que pasará dos 30.000 euros de 2023 aos 145.000 euros que se van destinar en 2024.

Impulso dos clubs deportivos

A Deputación de Pontevedra continuará a impulsar os clubs de elite da provincia e o deporte de competición federado e preferente con axudas que ascenden a máis de 1,3 millóns de euros. Deste xeito, en 2024 os clubs de elite provinciais recibirán 725.000 euros e, pola súa banda, o deporte de competición federado e preferente, 650.000 euros, un 4 % máis que este ano.

Impulso dos deportistas

O impulso do deporte do Goberno de Luis López verase tamén reflectido no aumento das partidas destinadas aos deportistas de alto nivel e olímpico, que sumarán 400.000 euros en 2024, o que supón un 14 % máis que no período anterior. Así, en 2024 as bolsas para deportistas de elite ascenderán a 275.000 euros, un 10 % máis do que percibiron as e os mesmos deportistas en 2023 (250.000 euros) e as axudas para as e os olímpicos de París 2024 sumarán 125.000 euros, é dicir, un 25 % máis do consignado para as Olimpíadas celebradas en 2021 en Tokio (100.000 euros).

O deporte de base será outro dos eixes de traballo no ámbito deportivo. Neste eido investiranse máis de 300.000 euros nas escolas deportivas nas que cada ano participan milleiros de nenas e nenos de toda a provincia.  

O orzamento máis alto da historia da Deputación

O orzamento total da Deputación de Pontevedra para 2024 será o máis alto da súa historia, con máis de 189 millóns de euros para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia. Aumenta, con respecto a 2023, un 4,2 %, o que supón un incremento de máis de 7,6 millóns de euros; unha suba de 30 millóns comparado co ano 2019 e de 35 millóns respecto a 2016, anos de inicio de mandato do Goberno anterior.