SmartPeme oferta esta semana cinco novas accións formativas
O programa de asesoramento tecnolóxico imparte formación sobre ciberseguridade, Administración Electrónica, creación de empresas, economía dixital e captación de clientes
19/02/2023
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta cinco novas accións formativas para esta próxima semana, impartidas de xeito presencial e telemático, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os cursos tratarán temas como a ciberseguridade e o que non se ve da navegación, primeira toma de contacto coa Administración Electrónica, a creación dunha empresa, tendencias de economía dixital e captación de clientes.
Os obradoiros darán comezo este luns 20 de febreiro, pola mañá, co curso sobre “Ciberseguridade. O que non se ve da navegación na Internet”. Ten como obxectivo dar a coñecer ao asistente os riscos aos que estamos expostos ao navegar por internet: que é un ciberataque, mapa mundial dos ciberataques en tempo real e os obxectivos dos ciberdelincuentes. Este obradoiro estará impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D. Na quenda da tarde, José Luís Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia, conducirá o obradoiro “Primeiros pasos coa Administración Electrónica” este curso está dirixido a pemes e autónomos e tratará de dar a coñecer as diversas utilidades relacionadas coas xestións administrativas. O obxectivo é amosar como obter, utilizar e aplicar ferramentas como o DNI electrónico e o certificados dixital.
O martes 21 impartirase unha nova formación “A empresa e o comezo da súa creación”. O proceso de posta en marcha dun negocio sempre xera custos económicos e de tempo, polo que o obxectivo é aforrar en ambos sentidos. Nel amosaranse os pasos que se deben levar a cabo na creación dunha empresa. A licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Paz Ares, será quen o dirixa.
A derradeira xornada da semana, o xoves 22, contará cunha dobre sesión. Pola mañá, Manuel Freire volverá a ser o experto encargado de conducir este obradoiro presencial ás 11.00 horas, no punto SmartPeme do Porriño, localizado no Multicentro do Concello. “Tendencias de economía dixital 2023”, o obxectivo é dar a coñecer as principais tendencias tecnolóxicas facendo un repaso polas tecnoloxías emerxentes. Abordarase o tema da creación de imaxes e textos con algoritmos de intelixencia artificial e, tamén, se realizará unha visita a Realidade Virtual mostrando algunhas das aplicacións que xa se poden utilizar nos eventos empresariais. Para rematar, ás 17.00 horas, a consultora e coach empresarial Isabel Rodríguez dirixirá “Captación de clientes a través de estratexias de comunicación e visibilidade” centrada n comunicación como base de toda estratexia efectiva e metodoloxía que logra de forma eficiente cerrar ventas facendo rendibles os obxectivos de visibilidade e a captación leal de clientes.