A Deputación avanza na creación da senda peonil de 1,4 quilómetros na EP-7201 Cachafeiro-Silleda

Todo listo para sacar a licitación a mellora da mobilidade peonil nesta estrada, que completa a transformación da fronte urbana de Silleda cun orzamento de 800.000 €

10/06/2023

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o expediente para contratar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-7201 Cachafeiro-Silleda, que inclúen a creación dunha senda peonil de 1,4 quilómetros de lonxitude coa que se completará a transformación de toda a fronte urbana de Silleda como itinerario peonil seguro. O investimento para esta remodelación acada case 800.000 € (799.014€), e finánciase a través dun convenio entre a Deputación, que aporta o 80% (639.211€), e o Concello, o 20% restante (159.802€). As obras terán un prazo de execución de oito meses.

A senda habilitarase na marxe esquerda da estrada, será executada en formigón coloreado e terá un ancho mínimo de 2,5 metros. Unirá o núcleo de Toiriz coa conexión coa N-525, nun tramo que coincide amais co Camiño de Santiago. A senda e o espazo peonil, que transcorrerá por equipamentos públicos de Silleda, solucionará as carencias actuais da estrada, que na actualidade conta con dous carrís con ancho variable e carece de beirarrúas en case toda a zona.  A actuación suporá así mesmo a renovación da capa de rodaxe e a instalación de pasos peonís sobreelevados para acougar a velocidade dos vehículos e dar prioridade ás e aos peóns á hora de cruzar a estrada provincial, creando itinerarios peonís transversais seguros.

Os traballos completaranse cunha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais e cun treito de canalización de saneamento ao inicio do ámbito, amais da dotación ao longo de toda a senda de alumeado público con canalización soterrada e a colocación de 40 novas columnas e luminarias LED de alto rendemento.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.