O Museo acolle unha exposición cos anteproxectos gañador e finalistas para a rehabilitación de Santa Clara

Cada equipa de arquitectura dispón de cinco paneis coas súas infografías, accesibles dende hoxe no vestíbulo do Edificio Castelao

15/06/2023

Santa Clara exposición

Co obxectivo de que a cidadanía coñeza de primeira man cales eran as propostas para rehabilitar Santa Clara, o Museo de Pontevedra expón dende hoxe no vestíbulo do Edificio Castelao os paneis coas infografías dos anteproxectos que presentaron os estudos de arquitectura gañador (Nieto-Sobejano) co seu deseño ‘Verbas da pedra’ e os finalistas (Kaan Architecten, UTE Chipperfield-Carlos Seoane, Kengo Kuma, UTE Snohetta Oslo-Alfonso Penela).

Tanto o vicepresidente César Mosquera como o director do Museo Xosé Manuel Rey coincidiron en que era importante dar transparencia ao proceso da selección. Así, en total, están expostos ao público os cinco paneis sobre cada un dos anteproxectos, con textos, planos e recreacións visuais (incluso de detalle) das que se plantexaban como futuras reformas no conxunto conventual tal e como foron inspeccionados polo xurado. A mostra estará aberta alomenos dez días, aínda que poderá prolongarse de confirmar afluencia de persoas interesadas.

Nos paneis da proposta gañadora, ‘Verbas da pedra’, amósase que a unión coa cidade do proxecto resolveuse abrindo un oco no muro sur, unha nova entrada desde a praza Barcelos. Enfrontada a esta apertura, instalarase un pavillón de acceso de nova construción no eixo do antigo claustro, configurado como un baldaquino que que sirve como miradoiro. Os planos revelan que a estrutura formal do convento orixinal reconstrúense as tres pandas que antigamente formaban o claustro recuperando a súa escala inicial.

As zonas de exposición localízanse nos Edificio Oeste, Edificio Barroco e Coro da Igrexa. O edificio de ampliación para o Centro de Xestión Arqueolóxica proxéctase como unha construción lonxitudinal semisoterrada na zona leste, cuxa cuberta axardinada será de uso público, integrada no xardín do antigo convento. Terá dous niveis completos de soto para depósitos e un terceiro nivel parcial para instalacións na zona leste. No nivel aberto á zona axardinada sitúase un área de terraza e cafetería. Na zona oeste do xardín, como remate da fachada sur do edificio barroco, proponse un pequeno escenario no oco actual para eventos ao aire libre en modo anfiteatro.

Unha vez gañadora do concurso, a proposta de Nieto Sobejano queda á espera da adxudicación do proxecto definitivo por parte da nova Corporación Provincial, quen tomará a decisión de seguir adiante ou non coa iniciativa. No seu caso, deberán que facerse adaptacións e correccións, así como tamén incluír os apuntamentos do departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia.

O xurado valorou a conexión coa cidade, a proposta construtiva e número de metros cadrados necesarios, e a funcionalidade de cada anteproxecto, entre outras cuestións. O deseño vencedor obtivo 86 puntos de 100 posibles e destacou “pola excelente organización funcional dos espazos”.

‘Os inicios’

A proposta de KAAN ARCHITECTEN completa as galerías do claustro xerando un percorrido perimetral, cunha ampliación sólida e de gran tamaño que cara o interior se abre con arcos. Establece dúas partes, unha destinada a arqueoloxía baixo terra (no edificio barroco na zona oeste, que sería ampliado no que se eliminan as diferencias de altura e podería utilizarse para expoñer restos arqueolóxicos) e outra centrada na restauración e rehabilitación do convento (arredor do claustro, e con dúas plantas).

Esta última parte do claustro divídese á súa vez en tres partes, unha destinada a exposición climatizada; a igrexa, antiga sacristía, e entrada ; e a parte de cafetería, servizos e gardarroupa, que poderían unirse entre si no caso de grandes eventos. Como novidades, amplíase a galería este e engádese a galería sur, que alberga o novo acceso principal e dá acceso a todas as instalacións. Para o acceso, o estudo de arquitectura propón abrir o muro cara a Barcelos, aliñando as entradas cos eixos centrais do antigo convento, cunha apertura lixeira cun número variable arcadas de medio punto.

‘Abrente’

A proposta de Chipperfield propón manter a integridade dos edificios, os xardíns e o propio conxunto e inclúe o tramo da rúa Santa Clara no que está o enclave como parte do proxecto. O edificio mesmo é considerado o obxecto mais valioso do museo e a intervención respecta a natureza construtiva e espacial orixinal cunha actuación mínima, que soluciona a circulación facendo todas as estancias completamente accesibles. Constrúese un novo volume de tres plantas para o centro arqueolóxico e de investigación, que se edifica na parte oeste, en paralelo ao edificio barroco, e que vai na súa meirande parte soterrado.

‘Piedra y madera’
A proposta de Kengo Kuma plantexa eliminar engadidos realizados nos últimos anos no complexo, unindo os elementos por medio de ‘acupuntura arquitectónica’. O máis singular é unha cuberta  de madeira e aceiro como paseo que percorre o convento en forma de zig-zag adosada aos volumes existentes e conectando o eixo norte-sur. Destaca tamén a proposta de recuperar a lexibilidade do ábside da igrexa mediante o posible desmantelamento do edificio anexo.

A zona de acceso queda situada a través de Santa Clara, na chamada porta dos carros a través dunha secuencia de espazos abertos e cubertos. Nese vestíbulo recíbese ás persoas visitantes baixo unha pérgola. Tamén se abre un acceso na zona da Plaza de Barcelos. O depósito arqueolóxico ten volume propio e acceso independente no extremo leste do complexo con tres niveis soterrados. A cuberta do edificio barroco tamén se reconstrúe cos mesmos materiais que o paseo en zig-zag. Xérase un entramado en forma de bóveda casi trianguar que apoia nos muros existentes cubrindo unha luz de case 15 metros.

‘Revelación’

A proposta de SNøHETTA- PENELA está caracterizada pola utilización dunha cuberta como ‘velo protector’ que conecta os tellados existentes dando continuidade e completando o convento seguindo a estrutura orixinal, rematando o edificio barroco e reconstruíndo un volume sur e o volume este dándolle grandes dimensións. Tamén se inclúe unha construción na zona oeste pegada ao edificio de vivendas. O acceso principal faise a través da Praza de Barcelos na zona sur, presentándose á cidadanía  cun parque xeneroso como introdución á visita a través dunha estrutura contemporánea, un pavillón lixeiro e de grande transparencia que ofrece servizos e acceso ás diferentes zonas do museo. Inspírase na estrutura orixinal do complexo conventual completando o edificio barroco, reconstruíndo o peche ao longo do sur e continuando os volumes existentes ata consolidar a estrutura monástica en planta, ao redor de 3 patios: o claustro co seu xardín medieval, o novo patio-xardín mineral e a transformación de antigo patio de servizo como núcleo de circulación do novo museo.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.