Estudos de arquitectura de talla mundial aspiran a rehabilitar o convento de Santa Clara para integralo no Museo de Pontevedra
A Deputación recibiu 23 propostas de empresas individuais e reunidas en UTE dende Tokio, Copenhague, Oslo, Berlín, Londres, Rotterdam ou Braga, ademais de españolas e galegas
26/01/2023
Estudos de arquitectura de talla mundial, tanto consagrados e con premios internacionais como emerxentes e “na cresta da ola”, aspiran a realizar a rehabilitación do convento de Santa Clara para o seu uso dentro do Museo de Pontevedra. A presidenta da Deputación Carmela Silva e o vicepresidente e responsable do Museo César Mosquera, anunciaron hoxe que se recibiron 23 propostas de empresas de 41 localidades ao longo do mundo: Tokio-París, Copenhague, Oslo, Berlín, Londres, Rotterdam ou Braga, ademais de españolas e galegas.
Tanto o número de propostas como a calidade dos estudos aspirantes, segundo explicou o vicepresidente Mosquera, é moi alta, o que ao seu entender amosou que Santa Clara tiña ‘per se’ –e non polos premios de 30.000 euros dos finalistas e 50.000 do gañador- atractivo como para atraer firmas potentes. “O concurso de proxectos funcionou moi ben, extraordinariamente ben”, subliñou, lembrando os ambiciosos e esixentes requirimentos para poder participar.
Segundo subliñou Mosquera, a previsión é que a maior parte dos estudos cubran a puntuación mínima esixida, xa que todos teñen, ou ben unha calidade “enorme” e un largo currículo con premios e recoñecementos, ou ben son emerxentes e na “cresta da ola”, despuntando por traballos feitos máis recentemente. Seguramente –dixo o vicepresidente- quedará un “resaibo amargo” polos que se deixen fóra da selección.
Algúns dos nomes máis ‘exóticos’ da lista de presentados ao concurso son os estudos de Kaan Arquitecten, Kengo Kuma, a UTE Big-Naos-Proskene, ou a UTE liderada polo arquitecto David Chipperfield, que acompañan a outros máis próximos como Nieto Sobejano, Alfonso Penela ou César Portela. O número de profesionais involucrados neste proceso de Santa Clara, segundo Mosquera, son centos, e moitos deles teñen realizado non só traballos de edificación e rehabilitación de museos, senón tamén intervencións en construcións de tipoloxía relixiosa.
Nos vindeiros 15 días realizarase a valoración dos currículos e ‘portfolios’ presentados polos estudos de arquitectura e deixaranse só os cinco mellor valorados, aos que se lle achegará toda a documentación (estudos histórico, arqueolóxico, xeotécnico, cartográfico, de patoloxías...) para que elaboren os seus anteproxectos nun prazo de tres meses.
Se non se producen recursos ou complicacións prevese que o anteproxecto definitivo -elixido polo xurado- se coñeza a principios do verán, para despois adxudicar a redacción do proxecto final, que debería estar redactado a finais de ano. No caso de que non se produzan “perturbacións” a intención será licitar a obra a primeiros de 2024, adxudicar na primavera, e que a actuación estea lista en dous anos, no 2026. “Por agora está a ir todo moi rápido. Se eses prazos van adiante estariamos nun tempo récord, (...) pero sería nun mundo idílico”, recoñeceu Mosquera.
O Museo de Pontevedra, no centro do mundo
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que o Goberno provincial está “feliz e moi sorprendido do enorme interese que amosaron os estudos de arquitectura máis relevante do mundo e do inmenso número de equipos que se presentaron” á convocatoria. A presidenta afirmou que “fomos tan esixentes que puidemos ter pecado de exceso, pero tiña razón o vicepresidente cando asegurou que se ían presentar os mellores do mundo”.
Xunto coa devolución ao goberno de Polonia do díptico espoliado polos nazis, “estamos poñendo o Museo de Pontevedra no centro das grandes actuacións museísticas do mundo, e iso é para ter un profundo orgullo”, reflexionou a presidenta provincial. Malia amosarse prudente coas datas de previsión, a presidenta asegurou que “o que está a acontecer con Santa Clara é que temos unha especie de anxo democrático que fai que todo saia, porque todo o que planificamos vai mesmo antes de tempo, o cal é moi sorprendente”.
A Deputación segue a buscar a cooperación con outras administracións (nomeadamente, o goberno da Xunta e do Estado) para obter financiamento, “e mesmo tamén optaremos a fondos europeos”, lembrou Carmela Silva. Se isto acontece “será marabilloso, pero aínda que non o consigamos, esta Deputación ten un enorme compromiso coa rehabilitación de Santa Clara, que é a obra de carácter cultural máis ambiciosa agora mesmo en todo o Estado español” e por iso “será unha realidade si ou si, aínda que teñamos que afrontar todo o orzamento e mesmo se o temos que facer por fases”. Neste aspecto Carmela Silva foi contundente: “imos poñer os recursos que sexan necesarios. Non podemos responder do que fagan outras administracións pero estamos facendo presión, e moita, porque deben ter sensibilidade con esta obra e sería inexplicable que non achegasen financiamento”.
ASPIRANTES DO CONCURSO DE PROXECTOS, A NIVEL DE ANTEPROXECTO, PARA A REHABILITACIÓN ARQUITECTÓNICA E AMPLIACIÓN DO RECINTO CONVENTUAL DE SANTA CLARA PARA USO DESTINADO AO MUSEO DE PONTEVEDRA
- Aranguren Gallegos Arquitectos S.L.P.
- Estudio Barozzi Veiga SLP
- M. Carvalho Araújo, Arquitectura e Design, S.A.
- De Lapuerta Campo Arquitectos Asociados, S.L.P
- Arquitectura Enguita & Lasso de la Vega SLP
- Garcés de Seta Bonet Arquitectes
- KAAN Architecten B.V.
- Kengo Kuma & Associates
- NIETO SOBEJANO ARQUITECTOS SLP
- TUÑON Y ALBORNOZ ARQUITECTOS S.L.P.
- UTE AMANDA LEVETE ARCHITECTS- AYBAR MATEOS SLP
- UTE UTE BIG-NAOS-PROSKENE
- UTE DCA-CARLOS SEOANE
- UTE CESAR PORTELA-CELSO LÓPEZ-JORGE SALGADO-MAGDALENA PORTELA
- UTE CREUSeCARRASCO-SERGISON BATES
- UTE CRUZ Y ORTIZ-ULARGUI
- UTE FRADE LAMELA
- UTE GVG-BARDAJÍ
- UTE LINAZASORO-SÁNCHEZ-GRIJALBA
- UTE MANGADO-BLASCO-QUINTÁNS
- UTE PAREDES PEDROSA-ABALO-ALONSO
- UTE SANTA CLARA CRBG
- UTE SNOHETTA OSLO-ALFONSO PENELA