A Deputación comeza no Salnés os encontros con persoal municipal para abordar os aspectos técnicos e xurídicos relativos ás comunidades enerxéticas
O deputado provincial Javier Tourís encabezou a primeira das xornadas de capacitación que celebrará a Deputación en todas as comarcas da provincia con cargos electos e persoal técnico no marco da Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables
19/11/2024
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, encabezou este martes en Cambados a primeira xornada de capacitación enmarcada na Oficina de Transformación Comunitaria do programa provincial +Renovables. O encontro, no que participaron tanto cargos electos como persoal técnico municipal dos concellos da comarca do Salnés, celebrouse na aula de SmartPeme en Cambados (no recinto de Exposalnés) co obxectivo de facilitar o espallamento dun modelo máis sostible, eficiente e integrado do sistema enerxético na provincia de Pontevedra.
O deputado provincial lembrou que o programa +Renovables busca “facilitar aos concellos un conxunto de servizos de apoio á creación e participación en comunidades enerxéticas, coa finalidade de abaratar a factura eléctrica”. Con estes encontros, que chegarán a todas as comarcas da provincia, “garantimos un maior coñecemento dos aspectos xurídicos, técnicos, económicos e sociais que conforman a figura das comunidades enerxéticas” tanto entre os cargos electos como entre o persoal técnico, entre eles os habilitados de carácter nacional (os máximos cargos de Secretaría e Intervención).
A Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables ten un orzamento de 370.000 euros e está financiada con fondos europeos NextGenerationEU para fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a principal prioridade. Á marxe do seu emprazamento no Viveiro de Empresas de Barro, o proxecto +Renovables conta cunha oficina móbil, que xirará por toda a provincia para achegar os servizos de asesoramento por toda a provincia de Pontevedra. A primeira parada será este mércores na Guarda, tamén coa asistencia do deputado Javier Tourís.
O orzamento total de +Renovables elévase a 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos), mobilizados pola Deputación como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético.