As “Subvencións Ágora” permiten impulsar 30 proxectos de recuperación do espazo público na área de Vigo
Redondela, Soutomaior, Pazos, Mos e Porriño son os concellos que solicitaron asesoramento para mellorar a súa calidade urbana
20/02/2023
As ‘Subvencións Ágora’, axudas do departamento de Mobilidade e Espazo Público para que os concellos redacten proxectos para recuperar a súa contorna urbana e núcleos rurais potenciando as mobilidades activas sobre as motorizadas, teñen impulsado 30 propostas de mellora na área de Vigo en apenas dous anos e medio. Redondela, Soutomaior, Pazos, Mos e Porriño son os concellos que teñen apostado polo novo modelo de mobilidade e beneficiado das inxeccións económicas practicamente dende a creación da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público.
Para o deputado de Mobilidade Uxío Benítez é fundamental que os concellos aposten pola redacción de proxectos e a planificación, xa que isto permite que teñan unha carteira de propostas listas para financiar tanto coas axudas para obras da Deputación a través do Plan Concellos, ReacPon ou outras liñas, así como con outras axudas externas, por exemplo as europeas, para cuxa consecución tamén hai asesoramento por parte da Rede Ágora. “Unha vez cos proxectos xa redactados os gobernos locais poden priorizar que obras poñen en marcha”, destacou.
Segundo Benítez, as subvencións Ágora teñen alcanzado o 77% dos concellos e inxectado máis de 5,3 millóns de euros en apenas dous anos e medio na provincia. “A recuperación do espazo público está na axenda política local da provincia”, dixo o nacionalista, quen destaca que os números amosan unha tendencia moi clara dos gobernos locais por planificar a recuperación do seu espazo público.
Na terceira e última convocatoria das subvencións, de feito, en toda a provincia solicitáronse axudas para redactar 93 proxectos por parte de 37 concellos Ágora, unha cifra que esgota o orzamento de 900.000 dispoñible polo que Benítez destacou que se ampliará a partida noutros 550.000 euros para atender todas as peticións.
Como datos globais, Benítez explicou que grazas ás axudas Ágora nos últimos dous anos estanse a impulsar 207 actuacións en 47 concellos da provincia sumando todas as convocatorias. As subvencións, así, chegaron ao 77% dos concellos da provincia, unha cifra que sube ata o 80% ao ter en conta que hai que deixar de lado a Pontevedra e Vigo por ter máis de 50.000 habitantes e non ser potenciais beneficiarios.
En canto ao tipo de proxectos subvencionados, Benítez resaltou que moitos concellos apostaron por grandes actuacións (que recibían a contía máxima da subvención) e outros por actuacións máis modestas en pequenas prazas ou contornas rurais nas que se crearon espazos de convivencia, algo que demostra, segundo dixo, “que o modelo Ágora non é só de aplicación urbana”.
Subliñou que, en todos os casos, os proxectos solicitantes cumpren cos requirimentos de supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista (sendas) todas teñen unha superficie mínima de 100 metros lineais e un largo mínimo de 2,5 metros.
Os proxectos en carteira para a área de Vigo
Na área de Vigo concedéronse axudas na segunda convocatoria ao Concello de Redondela (9 SUBVENCIÓNS), que se incorporou á Rede Ágora nos últimos meses, para o proxecto de creación dunha área de espazo público na contorna do CEIP Porto Cabeiro, para o proxecto de recuperación de espazo amable no centro de servizos de Cedeira e para a contorna do Torreiro do Vigo. Na terceira convocatoria Redondela solicitou axudas para seis proxectos: reurbanización da rúa Prego de Montaos, camiño escolar de subida a Portocabeiro, recuperación da contorna da Igrexa de Tramaño, reurbanización da rúa Muro, creación dun espazo peonil na contorna da igrexa de Ventosela e a reurbanización da rúa das Cardosas, a rúa Salgueiral e a súa continuación pola avenida.
O Concello de Pazos de Borbén (8) recibiu na primeira convocatoria subvención para o proxecto de recuperación e acondicionamento da contorna da igrexa e campo da feira en Moscoso e a humanización da praza Civadevila. Na segunda quenda, a axuda foi para os proxectos de reforma da contorna de Santiago de Cuartos, a creación dunha área de prioridade peonil conectando as prazas do núcleo de Amoedo, a reforma da contorna da Capela do Carmen de Alvite en Nespereira, a Reforma da Contorna da Igrexa de San Pedro de Cepeda e a Reforma da contrna de Santa María de Pazos. Na terceira a axuda irá destinada á reforma da contorna do campo da feira de Moscoso.
Na primeira convocatoria ao Concello de Soutomaior para a humanización da praza Civadevila e a Rúa Rosalía de Castro en Arcade e na última, a terceira, para o proxecto da segunda fase da humanización da rúa do Peirao.
No Porriño (10), o Concello recibiu unha subvención para a humanización da rúa Manuel Rodríguez na primeira convocatoria. Na segunda a axuda foi para cinco proxectos: o acondicionamento do viario paralelo á vía férrea nas proximidades do paseo do Louro, a humanización da rúa Antonio Palacios (treito rúa Cruceiro-colexio), a humanización da Rúa San Sebastián, das rúas Tarela e Navuxil, e da rúa Parque infantil no treito rúa Salgueira-Avenida Domingo Bueno. Na última convocatoria as subvencións van destinadas aos proxectos de acondicionamento da senda peonil en Centeáns (Pontellas), ao acceso peonil ás paradas do bus na zona de polígonos, á humanización da rúa Navuxil e a primeira e segunda travesía de Antonio Palacios, e a dotación de beirarrúa (fase I) A Mota –Torneiros.
No caso do Concello de Mos, adherido á rede apenas hai unhas semanas, a subvención da terceira convocatoria de Axudas Ágora será para a mellora da contorna da igrexa de Sanquiñeda, no barrio de Piñeiro.