A Deputación destina novos recursos por valor de 600.000 € a Tui, Caldas e Pazos de Borbén

As achegas destinaranse á recuperación de espazos públicos, mellora da mobilidade peonil, acondicionar parques infantís e adquirir un camión para a recollida de lixo

20/11/2022

Luz verde a novos recursos da Deputación para concellos da provincia de Pontevedra. Neste caso, a Xunta de Goberno vén de dar luz verde a preto de 600.000 € de achegas do Plan Concellos para que Caldas, Pazos de Borbén e Tui recuperen espazos públicos, melloren a mobilidade peonil, acondicionen parques infantís e adquiran un camión para o servizo de recollida de lixo.

Para Tui destinaranse  322.784 € cos que o goberno local acometerá obras de recuperación do espazo público na rúa Lugo no núcleo de Rúas Novas (252.340 €) e acondicionará o parque infantil no lugar da Igrexa de Baldráns (70.444 €). En Rúas Novas, o proxecto de mellora da rúa Lugo prevé o ensanche das beirarrúas, con zonas de esparexemento, bancos e zonas verdes, así como a reordenación do tráfico, que pasará de ter dobre sentido a un só, e a creación dunha plataforma de convivencia con prioridade peonil.  Pola súa banda, as actuacións no parque infantil en Baldráns, inclúen a retirada dos elementos deteriorados e a disposición de novo mobiliario e xogos, así como pavimento de seguridade de caucho.

No caso de Caldas a Deputación aprobou unha achega de 133.457 € que corresponde á aportación municipal ao convenio que o concello ten en marcha coa institución provincial para as obras de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005 na Rúa Parque. Deste xeito, a actuación será asumida ao 100% con recursos da Deputación e permitirá recuperar para as persoas este espazo público cunha zona de convivencia elevada con prioridade peonil, novos pavimentos e mobiliario urbano que garantirán a seguridade nunha contorna moi transitada e que, amais, se corresponde cun tramo do Camiño Portugués.

Pola súa banda a Pazos de Borbén destinaranse 140.360 € que servirán para financiar o 100% da adquisición dun camión do servizo de recollida de lixo.

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 22 resultados.