Un albergue moderno e funcional para dar a benvida ás persoas peregrinas no Carril, a orixe do camiño

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, visitaron as obras da edificación financiadas con máis de 600.000 € do Plan Concellos

17/11/2022

Albergue de CArril

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá acompañada do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e do deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, as obras xa finalizadas do novo albergue do Carril. Este novo aloxamento para persoas peregrinas, financiado grazas a unha achega provincial superior aos 600.000 € do Plan Concellos, será o único albergue público da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e fluvial do Camiño de Santiago.

Carmela Silva asegurou que “este albergue de quinta xeración será o albergue galego máis fermoso”. A presidenta felicitou o concello de Vilagarcía “pola boa decisión de recuperar unha edificación abandonada á que outros gobernos anteriores non foron quen de atoparlle un uso”, así como por convertela nun albergue “tendo en conta que cada vez o Camiño ten máis capacidade de atracción”, co que “O Carril non só acollerá as persoas peregrinas senón que será un espazo dinamizador”. A presidenta provincial vaticinou que “cando estea en funcionamento asentaranse no Carril moitos outros servizos, cumprindo coa idea de que o turismo ten que xerar riqueza, actividade económica e emprego nos lugares onde se desenvolve”.

Carmela Silva tamén tivo palabras de agradecemento ao arquitecto municipal Iago Fernández, autor doutras edificacións como a Escola Infantil de Vilaxoán –tamén financiada grazas ao Plan Concellos–. “Comprende que as edificacións non só deben ser fermosas senón que deben acoller as persoas coa máxima calidez”. A presidenta sinalou “a impresión de estarmos nun espazo inacabado pero que en realidade o está, coas olladas da nova arquitectura”.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, asegurou que “os datos turísticos lévannos a concluír que somos a zona turística máis importante de Galicia, e con todo o que move o Camiño tiñamos que contar cun albergue. Atopamos esta infraestrutura en desuso, que se podía aproveitar, e coa visión moderno de Iago convertémolo nun edificio moderno, accesible e cunhas vistas privilexiadas de Cortegada: é dicir, un albergue redondo”. O rexedor sinalou que o albergue “permite poñer en valor a orixe do Camiño e axudará a revitalizar esta zona fermosa da nosa cidade”. Agradeceu a Deputación polo “enorme esforzo” e desexou que “a Xunta de Galicia teña a mesma xenerosidade á hora de amoblar o edificio, sen regateos e acorde á marabilla desta infraestrutura”.

En relación ao Plan Concellos, co que se financiou o proxecto, Varela lembrou que “non todas as deputacións teñen un Plan Concellos que nos deixen liberdade para decidir a que dedicar os fondos”. A este respecto, a presidenta provincial sinalou que “o Plan Concellos é a mellor idea que houbo nunca na Deputación xa que permite que os concellos saiban, cada ano con máis antelación, os recursos cos que contan para planificar os seus investimentos”.

O proxecto do albergue do Carril é unha edificación moderna co grande atractivo de servir de miradoiro cara á desembocadura do río Ulla, á ría de Arousa e á illa de Cortegada, o punto de inicio dunha ruta que nos últimos anos non deixa de medrar dentro do turismo peregrino. O albergue permite mellorar a oferta turística de Vilagarcía e contribuirá ao desenvolvemento económico e social de Carril, razón pola cal o concello solicita a súa integración na rede pública de albergues do Camiño xestionado pola administración autonómica.

Grazas ao Plan Concellos, Vilagarcía puido facer fronte ás obras de reforma da antiga e inacabada Casa da Cultura do Carril, situado no lugar da Tombada, para dar acollida a ata 30 persoas distribuídas nun andar baixo, un primeiro e unha zona baixo cuberta, ademais de contar cunha finca destinada ao lecer e á realización de actividades ao aire libre.

No andar baixo sitúanse a recepción e unha zona de uso común dotada de asentos, libraría-biblioteca ou máquinas expendedoras. Estará comunicada a través dunha pequena rampla cunha zona de lavandería de uso público con espazo para gardar bicicletas. O primeiro andar e o baixo cuberta, ambos cunha estrutura semellante, desembarcan nun amplo distribuidor con consignas para gardar efectos persoais, salas de estar, aseos e os cinco dormitorios comunitarios (tres no primeiro andar e dous no baixo cuberta), cada un deles con seis liteiras, mesas de lectura e luz natural. O edificio está iluminado por unha enorme cristaleira á ría que ocupa toda a fachada, e presidido pola privilexiada terraza do primeiro andar, protexida por unha pérgola vexetal.

17 millóns de euros a Vilagarcía en sete anos

Carmela Silva avanzou que a Deputación dedicou a Vilagarcía “17 millóns nestes sete anos de goberno, un investimento histórico como nunca se pensou que sería posible, con criterios obxectivos que están transformando Vilagarcía grazas ás súas ideas”. Alberto Varela puxo en valor que “o nome da Deputación está en todas as infraestruturas importantes, as máis custosas e con máis esforzo: Escola Infantil de Vilaxoán, biblioteca municipal…”. “Como non imos estar encantadas as alcaldías con esta Deputación que respecta a autonomía local, apoia os concellos e nos dá liberdade? Con esta Deputación chegaron a revolución e os investimentos históricos”, asegurou Varela. A presidenta provincial afirmou sentirse “moi orgullosa deste concello e da súa visión: con este goberno hai outra Vilagarcía e outro O Carril”.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.