A Deputación recibe o recoñecemento do Consello de Contas polo seu liderado no impulso á administración electrónica en Galicia
O informe do órgano consultivo galego súmase ao do pasado mes de abril do Tribunal de Cuentas quen colocou ás Administracións provinciais de Pontevedra e Barcelona á cabeza de España neste eido
28/12/2022
O Consello de Contas vén de presentar o seu último informe centrado no grado de implantación da Administración electrónica nas entidades locais. Na súa análise o órgano de control da actividade económico-financeira e da transparencia das administracións galegas conclúe que a Deputación de Pontevedra ostenta o liderado en Galicia no impulso á dixitalización dos concellos da provincia, dado que, ademais de prestar asistencia a tódolos municipios solicitantes, é a única deputación galega que fai informes periódicos de seguimento e que ostenta certificación de calidade.
O Consello de Contas destaca que a Deputación ten presentado un documento de planificación na prestación de servicios de asistencia nos concellos e que se basea nunha avaliación inicial destes organismos dos que se extrae o plan de implantación. Valórase especialmente que a pontevedresa é a única Administración provincial no seguimento do avance da dixitalización dos concellos. Ademais, dispón de carta de servizos que recolle a declaración de compromisos de calidade na prestación aos concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes (aínda que, de feito, se presta aos concellos de ata 50.000 habitantes). Só a Deputación de Pontevedra cumpre todos os requisitos de calidade esixidos, polo que obtivo unha certificación de cumprimento da norma ISO.
Actualmente, gracias ao impulso da Deputación 54 concellos dos 61 que compoñen a provincia tramitan expedientes electrónicos e están así en condicións de cumprir coas esixencias da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo. A Administración provincial avalía periodicamente os servizos prestados, por exemplo, soporte para mantemento ou resolución de incidencias, e, ademais, abre aos concellos a posibilidade de propoñer melloras ou novas ferramentas. Tamén se ocupou da formación do personal municipal de tódolos concellos adheridos, así como dos cargos políticos.
O recoñecemento do Consello de Contas vén ratificar o informe emitido o pasado mes de abril cando o Tribunal de Cuentas no seu documento sobre “Fiscalización de la Asistencia a Municipios por las Diputaciones o entidades equivalentes en materia de Administración Electrónica en los municipios de entre 10.000 y 20.000 habitantes” colocou ás deputacións de Pontevedra e Barcelona á cabeza do impulso da Administración electrónica nos concellos, sendo así a referencia en España xa que ámbalas dúas foron as que máis recursos económicos destinaron a transformación electrónica dos concellos.
O Consello de Contas reflexou no seu informe que a de Pontevedra foi a única Deputación que aprobou unha liña de axudas para a adaptación dos concellos as esixencias da administración electrónica e a modernización administrativa. Estas subvencións teñen como obxectivo a adquisición de equipos informáticos, infraestruturas básicas de telecomunicacións, formación de persoal e contratación de banda ancha nas sedes municipais. Tamén o fixera o Tribunal de Cuentas, quen colocara a Deputación pontevedresa como unha das tres únicas de España que subvencionaba dita conexión a rede.
A Deputación de Pontevedra leva investidos no programa de apoio á Administración electrónica nos concellos un total de 2.309.120 euros entre 2020 e a actualidade e presta o servizo a través de convenios cos concellos interesados abonando ata o 75% do custo do servizo en cada un deles.