Os comisionados dos corredores ferroviarios en España animan a ser máis “belixerantes” ao reclamar o tren de cercanías do Miño porque “hai vento a favor” en Bruxelas

O director do AECT Rio Minho Uxío Benítez insistiu hoxe no ‘Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Miño’ en aproveitar a infraestrutura actual para dar servizo de tren de proximidade á veciñanza e desenvolver economicamente o territorio miñoto

22/06/2023

O Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Río Miño comezou hoxe en Tui poñendo sobre a mesa o debate sobre a necesidade e viabilidade da creación dun tren de proximidade transfronteirizo na zona do Miño. E fíxoo con boas expectativas, xa que os comisionados do Goberno do estado para o desenvolvemento dos corredores ferroviarios Atlántico e Mediterráneo subliñaron que é un “momento extraordinario” para reclamar “de maneira máis belixerante” o ‘cercanías’ xa que “hai vento a favor en Bruxelas”, posto que dende a UE quérense solucionar os treitos transfronteirizos e ademais unir os nodos urbanos de máis de 100.000 habitantes (Vigo-Porto).

A xornada do Foro comezou co saúda do director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, o director da Fundación CEER Ángel Miramontes e o acalde de Tui Enrique Cabaleiro. O nacionalista destacou na súa intervención que é moi necesario que os gobernos centrais en Madrid e Lisboa teñan unha visión global do territorio que supere a actual centralizada, para dar resposta á realidade social e económica do territorio miñoto, que é dinámica “e vai por diante dos deseños de infraestruturas políticas existentes".

Neste sentido, Benítez defendeu que é necesario aproveitar as infraestruturas existentes na rede convencional para, con algúns investimentos, dar unha solución de proximidade á veciñanza usuaria na contorna do Miño. “Agardemos que ese tren sexa factible, porque hai demanda e necesidade social, xa que afondaría na calidade de vida da cidadanía e axudaría a desenvolver economicamente o territorio”, subliñou.

Despois da apertura institucional foi a intervención dos comisionados do Goberno para os corredores ferroviarios no estado, figuras que velan por dar coherencia aos proxectos pluriterritoriais estudando as escalas e as interaccións entre os treitos ferroviarios.

O comisionado do Goberno para o desenvolvemento do Corredor Atlántico en ADIF (Ministerio de Fomento) José Antonio Sebastián Ruíz, explicou que afortunadamente Galiza vaise incorporar no Corredor Atlántico, algo que definiu como esencial.

Anunciou que nestes momentos hai boas novas con respecto ao corredor Vigo-Porto. Destacou que a finais de 2024 coñecerase o estudo sobre cal será a conexión de Vigo para a súa saída sur, e salientou tamén que haberá datos sobre o estudo de uso da liña: sobre a funcionalidade, a demanda, a necesidade dunha nova ponte sobre o Miño, o modelo de explotación e o custe-beneficio que tería o servizo no corredor.

Destacou tamén que a renovación do treito ferroviario convencional na zona sur galega está bastante avanzada, ao igual que acontece coa parte portuguesa. Adiantou, así mesmo, que Renfe vén de solicitar ao Goberno portugués licencia para operar en Portugal ao igual que vai facer en Francia en breve, posibilitando un tren transfronteirizo máis alá do Miño. “Isto é unha boa nova hoxe? Non, pero si o será cando teña a licencia, que supoñemos será a finais deste ano ou principios do que vén”.

Pola súa parte, o comisionado do Corredor Mediterráneo, Josep Vicent Boira, explicou a experiencia de conexión transfronteiriza de España con Francia. Sinalou que xusto onte Renfe anunciou conexións transfronteirizas que chegarán ata o norte de Lyon e Marsella, pero que tamén beneficiarán a cidades intermedias como Perpiñán, Montpellier ou Narbona, algo que podería ser replicable no territorio do Miño.

Segundo insistiu, débese “aproveitar o momento para plantexar debate -sobre a liña do Miño- porque é o oportuno, xa que hai grande vontade política de Europa de resolver os treitos transfronteirizos. Tense o vento a favor dende a Comisión Europea en Bruxelas”. Sinalou, neste sentido, que todo proxecto que queira ter éxito deberá adaptarse á rede europea de transportes e traballar conxuntamente “non só en Madrid e Lisboa, Santiago e Porto, senón tamén en Bruxelas”.

“Eu manifesto o total apoio a estas iniciativas porque o futuro de Europa será un futuro no que o mapa auténtico non será o mapa radial que tradicionalmente tiña, con Madrid como kilómetro cero, senón que será un mapa diferente que nos unirá co resto de estados europeos como pasa en Porto ou Vigo creando unha rede transeuropea de transportes”, subliñou, na liña que reclamaba o deputado Uxío Benítez.

En canto á posibilidade de levar adiante investimentos, destacou que dado que Europa deseñou unha rede de transportes transeuropea que agora está en revisión , hai vontade política e económica de levar adiante melloras. “Gastáronse máis de 27.000 millóns de euros en desenvolver a rede europea e anúnciase unha nova partida económica para estes anos ata o 27-28 coa idea de que en 2030 a rede transeuropea de transportes estea finalizada. Por tanto, calquera elemento de referencia nestes momentos que se queira plantexar debe ter en conta este marco temporal e ter en conta o marco financeiro e o marco europeo para o seu desenvolvemento”, destacou, lembrando que poderían solicitarse subvencións para o territorio do Miño.

A xornada de hoxe pechouse con outra mesa de debate, ‘É posible un tren de proximidade transfronteirizo? experiencias en Europa’, na que se abordou a implantación de proximidades ferroviarias transfronteirizas noutros espazos europeos. Estiveron presentes Xavier Garcia, Dirección de Cooperación Euromediterránea. Servicio de Cooperación Europea. Liña ferroviaria Niza-Ventimiglia-Cúneo-Turín; e Matteo Berzi, investigador do Centro Común de Investigación, da Comisión Europea, EU Science Hub. Ispra (Italia). ‘Os servizos ferroviarios transfronteirizos entre España e Francia’.

Xornada de mañá venres

No día de mañá a primeira cita da xornada levará o título de ‘As proximidades ferroviarias no territorio do Río Miño’. O obxectivo desta mesa é propoñer e reivindicar uns novos servizos de mobilidade ferroviaria transfronteiriza entre Vigo e Viana do Castelo, arredor do río Miño. Trátase dun territorio fortemente cohesionado e cunhas intensas dinámicas de mobilidade internas e o ferrocarril transfronteirizo permitiría unha maior oferta de mobilidade pública, sostible e de calidade para a poboación.

Participan Álvaro Costa, profesor da Facultade de Enxeñería da Universidade do Porto e investigador en transporte; Miguel Pazos Otón, profesor de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela; António Cruz, consultor, relator no seminario Conectividade e Accesibilidade Territorial Transfronteiriza, organizado por CIM Alto Minho en abril de 2022; unha persoa representante de Renfe ou do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana;  e outra representante do Operador Ferroviario Portugués ou do Ministerio de Infraestruturas de Portugal.

Posteriormente haberá un debate con Antón Conde, secretario das Comisións Obreiras do Sector Ferroviario de Renfe-ADIF de Pontevedra; unha persoa representante da Confederación Empresarial do Alto Minho (CEVAL) de Portugal; e outra da Cámara de Comercio de Tui.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.