“No Miño hai un auténtico muro de Berlín e o tren de proximidade Vigo-Viana derrubaría o efecto fronteira”
O director do AECT Rio Minho Uxío Benítez reivindicou hoxe no ‘Foro do Ferrocarril’ en Tui que Xunta e Estado amosen vontade política para poñer en marcha un servizo “factible e viable”
23/06/2023
O Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Rio Minho rematou hoxe cunha conclusión clara: o tren de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo é viable e necesario pola realidade socioeconómica e demográfica do territorio, e só será posible con vontade política para poñelo en marcha, xa que a infraestrutura está feita, hai demanda e tamén fondos europeos para levalo adiante.
As ideas peche das xornadas de traballo foron expostas polo director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, que recolleu e resumiu todas as intervencións lanzadas onte polos comisionados dos corredores Atlántico e Mediterraneo, representantes doutras experiencias rodoviarias europeas transfronteirizas, e hoxe, por parte de persoas expertas e investigadoras e voceiros de sindicatos e empresariado da zona miñota. Segundo dixo, “no Miño hai un muro de Berlín que hai que derrubar e tren de proximidade é unha ferramenta”.
O nacionalista destacou que o tren de proximidade é a alternativa para territorios como o do Miño que son o centro dun territorio natural e poboacional que a pesares da fronteira administrativa, non se corta. Destacou que a pesares de que no foro se falou tamén da alta velocidade entre Vigo-Porto, da grande obra da saída Sur de Vigo, ou do tránsito de mercadorías e da importancia de estar no Corredor Atlántico, “a grande reivindicación para o territorio miñoto é a demanda do tren de ‘cercanías’, factible e viable”, insistiu.
Os argumentos para xustificar a necesidade e viabilidade do servizo Vigo-Viana con máis liñas, frecuencias e paradas, segundo o director do AECT, son que existe xa unha infraestrutura modernizada e electrificada, que hai unha realidade socioeconómica que a demanda, unha realidade demográfica, unha intermodalidade (con dous portos e dous aeroportos na área) e tamén unha potencialidade turística.
“Está claro que este servizo non existe porque isto é unha fronteira. Se fose un único país xa existiría o ‘cercanías’. Porque como é posible que 11 trens saian de Porto a Valença e non cheguen a Vigo? Pois só porque somos fronteira. No Miño hai un auténtico muro de Berlín. Enchemos a boca dicindo que somos Europa, pero na hora da verdade a xestión política demostra que non é así”, asegurou.
Criticou que as autoridades que teñen competencias para poñer en marcha o servizo do tren de proximidade non se moven. “Podemos entender que o Miño a Madrid quédalle lonxe, pero a Xunta non está nin se lle espera. Non ven a importancia e a demanda. E este servizo é moi importante para derrubar o efecto fronteira”, dixo instando a “abrir os ollos” e eliminar a visión política centralista para adoptar “unha visión ‘da Nasa’ na que se percibe que non hai na realidade liñas administrativas políticas que diferencien Galiza e Portugal, senón que se ve que o territorio transfronteirizo é un continuo que sitúa o territorio do río Miño no centro do eixo Vigo-Porto”.
Lobby pola mobilidade transfronteiriza
No mesmo sentido que o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho manifestouse o consultor Antonio Cruz, quen destacou a necesidade de crear un ‘lobby’ para cuestións de mobilidade na raia co fin de defender o tren de proximidade.
Cruz fixo unha análise das conexións de tren existentes na actualidade Galiza-Porto e destacou que a alta velocidade é perfectamente compatible co tren de proximidade, permitindo soportar a mobilidade interna de maneira sustentable. “Esta é unha demanda histórica permanente porque só o transporte de masas pode facer a mobilidade transfronteiriza máis atractiva”, destacou.
Na mesma mesa sobre a ‘Ferroviaria suburbana no territorio miñoto’ falou tamén o profesor de Xeografía Humana da USC Miguel Pazos, quen salientou a necesidade da función estruturante do territorio que dá o tren de proximidade ao permitir á poboación moverse entre municipios limítrofes. Salientou que Europa, como xa dixeron onte os comisionados dos corredores Atlántico e Mediterraneo, “da esperanzas” para que a iniciativa chegue a bo fin, poñendo as súas políticas e financiamento a disposición, polo que instou a representantes políticos a “puxar” polo ferrocarril miñoto.
Na seguinte mesa da mañá, na que participaron empresarios e sindicatos, deuse voz a Antón Conde, secretario das Comisións Obreiras do Sector Ferroviario de Renfe-ADIF de Pontevedra, un representante da Confederación Empresarial do Alto Minho (CEVAL) de Portugal e da Cámara de Comercio de Tui. Todos eles, novamente reivindicaron as ‘cercanías’ entre Vigo e Viana do Castelo como elemento de desenvolvemento da zona. En concreto, o representando de ADIF plantexou unha proposta concreta de tren de proximidade traballado e consensuado cos axentes sociais da zona, a quen pediu o seu compromiso na defensa do tren intermodal.
Pola súa banda, o vicepresidente da Cámara de Tui Emilio Estévez destacou a súa defensa do modelo do tren de proximidade poñendo en valor a importancia do Baixo Miño e Louriña, por ter en Porriño o polígono máis importante de Galiza, ter unha zona agraria en Tomiño e Rosal moi desenvolvida, unha poboación de máis de 100.000 habitantes e tamén estar ubicados na desembocadura do Miño, o que en calquer lugar de Europa sería “unha grande cidade e aquí é unha grande comarca que aínda vai medrar máis”.
Para Estévez, o feito de que o territorio se distribúa como unha liña marca claramente o potencial de desenvolvemento do ferrocarril. Insistiu, ademais, en que Vigo debe seguir o modelo de Donosti para o seu desenvolvemento e potenciar a mobilidade cos concellos do seu arredor para os servizos, ocio e industria: “que alguén poida ir ao cine en Vialia, tomar un viño no Miño e traballar no Porriño, e que esa vinculación se faga a través do tren”, reclamou.
Finalmente, Luís Ceia, representante de CEVAL, empresariado de Portugal, subliñou a preocupación pola necesidade de conecitividade da alta velocidade de Vigo-Porto coa liña do Miño. Indicou que os gobernos parecen estar moi interesados nas conexións das grandes cidades pero criticou que “os demais territorios fican esquecidos”. Se non hai conectividade, dixo, crearase unha barreira e non se darán as condicións de boa mobilidade para o territorio.