Estudantes de toda a provincia presentan na Deputación os proxectos cos que participan na nova edición de “DempoEmprende na ESO”

O Pazo provincial acolleu a entrega dos NIF a 11 cooperativas dos seis centros de Educación secundaria que participan este curso no programa de emprendemento

15/12/2022

Depoemprende na ESO

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu a máis dun cento de alumnos e alumnas de seis centros de Educación Secundaria da provincia na presentación das 11 cooperativas que participan nunha nova edición de “DepoEmprende na ESO” para dar o tiro de saída ao programa de emprendemento. Ademais de dar a coñecer o seu traballo, os e as estudantes recibiron o número de identificación fiscal (NIF) de man da deputada de Promoción Económica e Emprego, Raquel Giráldez. No seu recibimento quixo destacar a importancia “de crear unha cultura emprendedora desde a base”, lembrou ao alumnado que, con este programa, conseguirán “coñecementos, ferramentas e competencias que vos serán moi útiles ao longo da vida, tanto no plano laboral como no profesional” e agradeceu aos docentes a súa implicación no programa, que chega este ano a sétima edición.

No acto estiveron alumnos e alumnas do IES da Guía de Vigo que presentou a cooperativa coa que traballarán ao longo do curso, “Agarime”; o alumnado do IES Illa de San Simón de Redondela explicou o traballo de dúas cooperativas, “Roá” e “Artesanilla”; o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar traballará na cooperativa “Kaylate S. Coop.”; o IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña presentou a cooperativa “Costa Vela”, e o IES Luis Seoane de Pontevedra catro cooperativas: “Ecop”, “Icepolo”, “Ecoseoane” e “Copeponte”. Ademais, aínda que non puideron acudir ao acto, o alumnado do IES San Paio de Tui traballarán ao longo do curso coas cooperativas “Copegal” e “Golorico”.

A recollida dos NIF non é o primeiro paso do traballo dos e das alumnas que participan nas cooperativas, senón que este comezou coa súa constitución, a elección da imaxe corporativa e o logotipo, o estudo de mercado e a procura de provedores. Ao longo de todo o proxecto terán que buscar financiamento, deseñar o catálogo e os produtos, determinar os prezos e as canles de distribución, facer publicidade e marketing e preparalo para a venda. Un traballo que terá o seu cume no mercado final da Deputación e na análise dos resultados.

O obxectivo deste programa, dirixido ao alumnado de 4º de Educación Secundaria é promover competencias relacionadas coa autonomía, a iniciativa e o espírito emprendedor. Ademais, tamén pretende eliminar as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, sempre poñendo ao alumnado como o protagonista da súa aprendizaxe e fomentando o traballo desde a práctica. Ademais, cunha vertente solidaria, xa que as cooperativas farán entrega de parte dos seus beneficios a diferentes ONGs e asociacións, entre as que este ano se atopan protectoras de animais, asociacións de saúde mental, de axuda a nenas e nenos oncolóxicos, para a inclusión social.

Dende 2016que se puxo en marcha “DepoEmprende”, máis de 3.400 alumnas e alumnos de 132 centros educativos da provincia participaron nas tres modalidades do programa. En concreto, a iniciativa está dividida en “DepoEmprende na Escola”, proxecto dirixido ao alumnado de educación primaria (5º e 6º curso) e de educación especial,”DepoEmprende na ESO” para mozas e mozos de 4º da ESO, e “DepoEmprende na FP” dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.