A Deputación adxudica a redacción do proxecto da nova senda peonil na EP-9208 Noalla-Aios en Sanxenxo
O itinerario peonil terá case un quilómetro de lonxitude e dará continuidade á actuación realizada pola Deputación desde o núcleo de Noalla ata a praia da Lanzada
22/06/2023
A Deputación de Pontevedra dá un novo paso cara á mellora da mobilidade peonil na EP-9208 Noalla-Aios, no municipio de Sanxenxo, onde se prevé actuar ao longo de case un quilómetro de trazado para habilitar unha nova senda que garantirá a seguridade das persoas nesta vía provincial. De feito, xa foi adxudicada a redacción do proxecto que vai dar continuidade á desenvolvida xa pola Deputación entre o núcleo de Noalla e a praia da Lanzada, creando deste xeito un itinerario peonil seguro nesta zona de Sanxenxo, que no verán se converte nun dos polos de atracción turística deste concello.
Máis polo miúdo, a actuación de mellora que ten un orzamento previsto de 780.000 euros, desenvolverase no tramo da EP-9208 que discorre entre a igrexa de Santo Estevo de Noalla e o cruce coa estrada autonómica PO-550 no que estaba situado o antigo cuartel da Garda Civil. No ámbito prevese a senda peonil de 2,5 metros de ancho ao longo de 960 metros e amais executaranse os traballos de mellora do firme, así como da reposición dos servizos afectados e da sinalización horizontal da vía.