A senda peonil que conecta o núcleo de Noalla coa praia da Lanzada na EP-9212 xa é unha realidade
A Deputación de Pontevedra investiu preto de 800.000 € para garantir a conexión peonil e a seguridade da vía e seguir espallando o modelo de “mobilidade do século XXI”
16/11/2022
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou os traballos finalizados na EP-9212, en Sanxenxo, que permitiron conectar o núcleo de Noalla coa praia da Lanzada grazas á creación dunha senda peonil nun treito de 1,2 quilómetros. O orzamento da obra correu integramente a cargo da Deputación, preto de 772.000 €, xa que o 30% correspondente ao concello foi un dos investimentos que a vila incluíu no marco do Plan Concellos na anualidade de 2021. Na súa visita a presidenta provincial estivo acompañada do rexedor de Sanxenxo, Telmo Martín, e da deputada provincial Noemí Outeda. Tamén estiveron presentes José Radio, e Manuel García, vicepresidente e secretario da Asociación Veciñal de Noalla, e Roberto Garrido, presidente da Comunidade de Montes.
Carmela Silva sinalou que “con estas obras este tramo deixa de ser unha infraestrutura de paso para os vehículos para ser para a veciñanza e para a xente que nos vén visitar, xa que se trata dunha zona moi relevante e con moita capacidade de atracción”, en alusión ao Pazo de Quintáns que se atopa no seu trazado. A presidenta asegurou que “supón un antes e un despois, con espazo para camiñar e redución de velocidade. Fai visible o modelo que implantamos en 2015 nas nosas infraestruturas, un modelo de mobilidade segura, de recuperación do espazo público con prioridade para as persoas e de entender que son elas o centro da acción política”. A presidenta da Deputación asegurou que “estamos transformando como nunca se viu e cunha colaboración extraordinaria cos concellos. Asumimos os cambios que demanda o século XXI e todas as obras en Sanxenxo son dialogadas e acordadas: a xente non quere confrontación senón vivir mellor”.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asegurou que “tras os traballos, que quedaron moi ben, agora esta zona é máis humana con tres zonas de convivencia en pouco máis dun quilómetro”. Martín sinalou ao respecto que a zona de actuación “era un pouco perigosa, xa que hai moita xente que vive aquí e estaba algo preocupada”, e agradeceu a Deputación “por todo o que está facendo, polo ben que inviste os cartos” e polo modelo dos “convenios 70-30, como os coñecemos os alcaldes e alcaldesas, e agardo que sigamos nesta liña e traballar para as e os demais”.
Os traballos na EP-9212 permitiron mellorar a seguridade viaria desta infraestrutura. A principal actuación foi a creación dunha senda peonil de 3 metros de ancho na marxe dereita da estrada, paralela ao seu trazado, en plataforma única ou, nos casos onde non foi posible por mor do ancho da vía, creando zonas de convivencia con prioridade peonil.
Na contorna do Pazo de Quintáns os traballos permitiron integrar elementos orixinais da edificación coa senda e a plataforma de convivencia. Trátase da restauración do lousado orixinal de granito, da recuperación da cuneta perimetral do muro de peche e da resolución do encontro entre os pavimentos de pedra e formigón, para o que se optou pola interposición dun pequeno bordo de pedra da mesma variedade.
Entre as medidas de aumento da seguridade viaria na EP-9212 a Deputación tamén reforzou o firme da plataforma para o paso dos vehículos, renovou a sinalización horizontal e vertical do treito e realizou catro pasos peonís sobreelevados na zona de actuación.
Compromiso coa estrada da igrexa a Noalla ata o antigo cuartel da Garda Civil
A presidenta provincial, Carmela Silva, comprometeuse a que a Deputación elaborará “canto antes” un anteproxecto para actuar na estrada provincial EP-9208, que entronca coa EP-9212, concretamente na zona que transcorre entre a igrexa de Noalla e o emprazamento onde ata fai uns anos se situaba o antigo cuartel da Garda Civil, agora xa derrubado. A presidenta tomou a remuda do alcalde, que solicitou “un tratamento similar ao da EP-9212, xa que lle dá moito valor a esta zona que ten moita importancia económica e social” a unhas obras “moi demandadas pola veciñanza”.
Carmela Silva asegurou que “a Deputación ten 1700 quilómetros de vías provinciais e é moi difícil facerlles fronte, pero neste momento é factible xa que estamos recibindo moitos recursos dos fondos europeos Next Generation”. Polo tanto, asegurou, “remataremos esta infraestrutura ata o final e tamén a zona da Igrexa. Encargaremos un anteproxecto e, se a xente que vive alí está de acordo, converterase nun proxecto para iniciar o procedemento”.