A Deputación remata o proxecto para acondicionar a Casa de Combarro e convertela no centro de promoción turística e do patrimonio de Poio
A institución provincial investirá 136.000 € para realizar obras de mellora que corrixan o seu deterioro actual co fin de poder executar un proxecto de musealización na casa barroca
12/05/2023
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer o proxecto das obras de mellora na Casa de Combarro, en Poio, para corrixir o seu deterioro actual e que permitirán que o Concello poida poñer en marcha un centro de promoción turística e de posta en valor do seu patrimonio histórico-cultural que converterá esta peza arquitectónica nun recurso turístico e museográfico de primeira orde e complementará a oferta lúdica desta vila mariñeira para as persoas visitantes.
As obras están valoradas en 136.000 € “sufragados pola Deputación” e deixarán o inmoble, que a institución cede gratuitamente ao concello por un período de 30 anos, en perfectas condicións de habitabilidade. “Será unha actuación que vai transformar e rehabilitar totalmente esta preciosa Casa de Combarro para que no futuro inmediato poida converterse nese novo centro”, sinalou a presidenta. Con ese fin, tal como lembrou Carmela Silva, a Deputación vai investir outros “100.000 € para a redacción e execución do proxecto de musealización da casa barroca a través dunha subvención nominativa ao Concello de Poio”.
No marco das obras de mellora da Casa de Combarro substituirase a cubrición actual por unha nova que incluirá illamento, xa que a actual se atopa en mal estado e con risco de desprendemento de tellas. Tamén se revisará a estrutura de madeira que soporta a cuberta, substituíndo os elementos que se atopen en mal estado. A intervención, amais, abrangue obras de conservación con sistemas acordes á contorna e á tipoloxía deste inmoble, polo que se optará por un tellado inclinado de viguetas de madeira. A nova capa de illamento térmico permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio.
A actuación a desenvolver tamén incluirá a limpeza dos muros de pedra de forma manual para protexelos fronte a humidades, con cepillos vexetais suaves e xabón neutro, e tamén se revisará o encintado da pedra con morteiros de cal e area. Ademais, substituiranse as carpintarías exteriores por unhas novas nas que se empregarán madeira nobre e dobre ou triplo vidro con tratamento de baixas emisións, realizarase un novo revestimento dos elementos de madeira situados no teito dos soportais exteriores e, en cuestións térmicas, implantarase un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia e un sistema de ventilación con recuperador de calor. As obras inclúen o pulido e aplicación de vernizado ou aceite no pavimento de madeira do andar alto, a remodelación do aseo do andar baixo, a execución de novas instalacións de fontanería, saneamento e electricidade e a substitución das lámpadas por novas luminarias LED.
A Casa de Combarro, situada na rúa San Roque 59 e con 133 m2 de superficie total, foi construída no século XVII e está catalogada cun nivel de protección 1º de carácter Monumental. Foi adquirida pola Deputación de Pontevedra en 1958, e en 1978 o Pleno cedeu o seu uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha casa da cultura e oficina de turismo. As condicións de uso do inmoble foron sucedéndose con escasa ou nula documentación, o que obrigou a Deputación a aclarar con rigor e seguridade xurídica a titularidade do inmoble para poder realizar a cesión ao Concello de Poio, aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación Provincial de decembro.