Unanimidade do Pleno da Deputación á cesión a Poio da “Casa de Combarro” para instalar un centro de promoción turística e de patrimonio

O deputado Carlos Font explicou que, amais da cesión, a institución provincial investirá 136.414€ na execución de obras de mellora do inmoble e outros 100.000 na redacción e execución do proxecto de musealización da casa barroca

21/12/2022

Luz verde para a  cesión gratuíta a Poio da Casa de Combarro

Luz verde para a cesión gratuíta a Poio da “Casa de Combarro”, onde o concello instalará un centro de promoción turística e de patrimonio histórico cultural que reforzará, segundo destacou o deputado Carlos Font, “unha das postais turísticas de Galicia e, sen dúbida, unha das imaxes máis representativas das Rías Baixas”. O Pleno da Deputación de Pontevedra, coa unanimidade de todos os grupos políticos da corporación, vén de abrir unha nova etapa para a edificación e amais da cesión contempla investir 136.414 € na execución das obras de mellora do inmoble e outros 100.000 para a redacción e execución do proxecto de musealización para a casa barroca.

“Levamos varios meses desenmarañando a titularidade deste inmoble, para converter definitivamente esta peza arquitectónica do conxunto histórico-artístico de Combarro nun recurso turístico e museográfico de primeira orde, que complemente a oferta lúdica ás persoas visitantes”, asegurou Carlos Font. O deputado recordou que o procedemento leva en marcha varios meses nos que se tivo que aclarar con “rigor e seguridade xurídica” a propia titularidade da propiedade, “derivada da xestión realizada en etapas anteriores”.

Font explicou que se contempla a sinatura dun convenio co Concello para a cesión da casa barroca e a redacción dun proxecto técnico e execución de obras para a súa reforma, ata un importe máximo de 136.414 €, corrixindo o seu deterioro para deixala “en perfectas condicións de habitabilidade”. Ademais, adiantou que se realizarán os trámites para conceder a Poio unha subvención nominativa, por valor de 100.000 €, que permita redactar e executar un proxecto de musealización para o espazo. “O futuro centro de promoción turística e do patrimonio cultural municipal –detallou Font-  deberá estar executado nun prazo máximo de dous anos desde a data da súa efectiva transmisión e destinarase a este fin durante os trinta anos seguintes”.

A Casa de Combarro, situada na rúa San Roque 59 da vile e con 133 metros cadrados de superficie total, foi adquirida pola Deputación de Pontevedra en 1958. Dúas décadas despois, en 1978, o Pleno da Deputación cedeu o uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha casa da cultura e oficina de turismo. Dende entón, producíronse sucesivas circunstancias, con escasa ou nula documentación, respecto ás condicións do uso deste inmoble. “Hoxe todo elo queda superado. Hoxe ábrese unha nova etapa para Poio na que esta casa, despois de todas as circunstancias polas que pasou nas últimas décadas, transformarse nun moderno espazo de promoción turística grazas á colaboración desta Deputación do século XXI”, asegurou Carlos Font.