A loita contra a violencia machista, a Axenda 2030 e a perspectiva de xénero, con cinco cursos dirixidos por mulleres, impregnan o programa de verán da UNED

A presidenta da Deputación, que abrirá o curso sobre violencia, aplaude a vontade da Universidade a Distancia “por falar destas cuestións extracurriculares”

30/05/2022

Presentación dos cursos de verán da UNED

O programa de cursos de verán da UNED abrangue este ano unha ampla oferta, con oito cursos que se van impartir entre Pontevedra, Vigo, o Centro Penitenciario da Lama, Portas e, por vez primeira, Lalín. Un variado elenco de contidos docentes para combinar vacacións e cultura e que foi presentado na sede do Concello de Pontevedra polo director do centro pontevedrés, Víctor Manuel González, acompañado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Os cursos, que alcanzan este ano a 33ª edición, teñen cada un deles unha duración de 20 horas e o prazo de inscrición xa está aberto (con descontos ata o 1 de xullo). A Deputación revalida o seu apoio á programación, concretamente no financiamento dos módulos sobre “A erradicación da violencia contra as mulleres: obxectivo central da Axenda 2030”, que se vai celebrar en Vigo e que contará, como relatora inaugural coa presidenta da Deputación, Carmela Silva;  é o curso sobre “Medios de Comunicación e Política” que, dende Portas, analizará tanto o impacto da atomización do mapa político como da influencia das novas canles, en especial as redes sociais, en contraste cos medios convencionais e o impacto na propaganda electoral e a xeración de “fake news”, entre outros aspectos.

Ademais, na prisión de A Lama ofrecerase un curso sobre “Envellecemento cognitivo: prevención do deterioro e intervención neuropsicolóxica”. En Pontevedra falarase sobre “Quoi de neuf? Experiencias e propostas para a aula virtual de Francés”, “Economía circular e Axenda 2030. Un camiño cara a sostibilidade” e “Portadas de igrexas medievais no Camiño de Santiago: orixe e evolución dos programas figurativos monumentais”. En Vigo, ademais do curso sobre violencia machista abordaranse “Os malestares na cultura hoxe. Unha perspectiva filosófica”. Finalmente, Lalín estréase como sede dos cursos de verán da UNED con “Que cambia en Educación Infantil coa LOMLOE?”. O director da UNED destacou que cinco dos oito cursos estarán impartidos por mulleres e que no elenco de relatoras e relatores hai unha ampla presencia feminina, incluíndo a Carmela Silva, “como referencia do feminismo”, a proposta da directora do curso e directora da oficina de Violencia de Xénero da UNED, Teresa San Segundo.

A presidenta Carmela Silva cualificou estes cursos de verán como “unha boa práctica”, algo que relacionou co compromiso do reitor, Alejandro Tiana, coa provincia  de Pontevedra. Ademais destacou que os 336.000 euros que a Deputación achega anualmente para o financiamento da Universidade a Distancia son “unha obriga” ao “apostar por unha universidade que permite que mulleres e homes de tódalas idades poidan acceder a unha formación de tan alto nivel”. Á presidenta agrádalle especialmente o esforzo por incluír nestes cursos de verán materias que non forman parte do currículo educativo como a Axenda 2030 ou a loita contra a violencia sobre as mulleres. Reivindicou a importancia “do gran pacto mundial para afrontar as transformacións que precisamos para salvagardar o planeta e ás persoas” e aludiu aos “terribles meses de abril e maio para a violencia machista, con agresións sexuais e violacións en manada”. “A Universidade debe falar destas cuestións”, remachou. Ademais aplaudiu o foro sobre as relacións entre a política e os medios de comunicación. “Son cursos moi acaídos; animo á xente a que participe, máis aínda diante do  altísimo nivel nacional e internacional das persoas relatoras”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores,valorou tanto a aposta pola formación como o impacto económico que esta programación xera en toda a provincia e non dubidou en afirmar que a provincia é o lugar máis acertado para debater sobre a Axenda 2030. “Longa vida á UNED, que axuda a moita a xente a compatibilizar a vida laboral cos estudos e permite complementar a universidade presencial”, concluíu.

O director do centro da UNED, Víctor Manuel González, aproveitou a ocasión para comentar a gran acollida do curso online de Introdución ao Español para refuxiados/as de Ucrania, pois son xa preto de 3.500 as persoas inscritas nesta iniciativa gratuíta, xurdida dende o centro asociado de Pontevedra coa colaboración da Deputación.  González lembrou que, en números, falamos dun 3% do total de persoas acollidas en España. “O apoio da Deputación foi fundamental; a presidenta, cando llo propuxemos, non o pensou nin dous segundos así que estamos a falar dun éxito de todas e todos, dun éxito da sociedade”. O curso, que comezou en marzo e rematará en xullo, permite o seguimento online ou en diferido. Hai persoas inscritas dende toda a Península Ibérica e tamén dende Kiev.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.