Arranca na Sede da Deputación en Vigo o ciclo da universidade “Sexo, xénero e enfermidades”
Hoxe e mañá fálase dos nesgos de xénero existentes na diagnose e tratamento das enfermidades sen ter en conta as diferencias entre mulleres e homes
06/06/2022
Desde esta tarde, expertas e expertos no eido da investigación e da medicina clínica debaten na sede da Deputación en Vigo sobre a influencia do sexo e o xénero na diagnose e o tratamento das enfermidades e a importancia que deben ter as diferencias entre mulleres e homes á hora de determinar ou tratar una patoloxía. De feito, seguen a existir na atención sanitaria determinados nesgos de xénero cando se utilizan patróns baseados en síntomas masculinos sen ter en conta as características distintas das mulleres. O ciclo, a cuxa apertura asistiron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, está organizado polo Cinbio, a Unidade de Igualdade da UVigo e a Deputación de Pontevedra e se prolongará ata este martes organizado polas catedráticas Diana Valverde e Paloma Morán co título Sexo, xénero e enfermidades”. O obxectivo das charlas, abertas á cidadanía é informar e sensibilizar sobre a importancia de ter en conta o sexo (diferencias biolóxicas) e o xénero (diferencias socioculturais) á hora de diagnosticar e tratar enfermidades como as cardiovasculares e pulmonares, o cancro, o Alzheimer ou a depresión .
Carmela Silva felicitou expresamente á Unversidade de Vigo por unha “excelentísima idea” xa que “aínda que tamén no ámbito académico como en tantos outros eidos fixemos xa un longo camiño, esta é unha materia pendente”. A presidenta provincial recordou que “estamos ante una reivindicación moi clara das mulleres, que as enfermidades estean ligadas ao sexo e ao xenero para que se investigue e se traten tendo en conta as nosas prioridades, os nosos síntomas que non sempre son iguais aos dos homes e sempre se estudaron desde o punto de vista masculino. O mesmo ocorre coas enfermidades derivadas dos traballos que realizamos as mulleres. Estamos fora dos estudos”, sinalou. Carmela Silva rematou dicindo que “temos que abrir este debate e levalo a foros públicos porque á política sanitaria debe preocuparlle a saúde das mulleres. Temos que estar na investigación biomédica, na toma de decisión e no que hai que lexislar”, engadiu, agradecendo á Universidade “que una vez máis sexa referencia e vaia un paso por diante das preocupacións da sociedade
Pola súa banda, o Reitor Manuel Reigosa, que cualificou á Deputación “de socia prioritaria da Universidade no traballo que se fai en prol da igualdade real”, animou á cidadanía a asistir a estas charlas “organizadas por dúas profesoras sobresaíntes como Paloma e Diana, e que serven para profundar no coñecemento de cuestións que teñen tanto que ver coa igualdade”
O programa
Amais de Diana Valverde e Paloma Morán o Ciclo contou hoxe coa participación de María Brión, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, e Mónica Martínez e Virginia Leiro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. A xornada do martes arrancará ás 16.30 horas co relatorio sobre sexo, xénero e trastornos psiquiátricos, cunha aproximación xenética de Xavier Costas, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Ás 17.30 h a temática serán as enfermidades neurodexenerativas con Carlos Spuch, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. O ciclo pecharase cunha intervención sobre depresión e suicidio, da man de Tania Rivera, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que arrancará ás 18.30 horas.
A asistencia ao ciclo é libre ata completar a capacidade da sala Rosalía de Castro da Deputación na rúa Chao en Vigo.