O Museo afonda na difusión e investigación sobre a arte galega contemporánea coa primeira exposición antolóxica do escultor Silverio Rivas

‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’ recolle o espírito do taller do artista para organizar a súa obra como un diálogo entre formas, volumes e materiais

23/11/2022

Silverio

O escultor Silverio Rivas ten mañá 24 de novembro dous motivos de celebración: no día no que cumpre 80 anos, o Museo de Pontevedra inaugura a primeira exposición antolóxica da súa obra. ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’ é unha mostra que percorre cinco décadas de creación dun artista de referencia, pioneiro na abstracción na escultura galega e que acadou gran popularidade polo carácter monumental da súa obra presente en espazos públicos.

A exposición, comisariada pola conservadora do Museo Beatriz de San Ildefonso, inaugúrase mañá ás 19.00 horas no Edificio Castelao, onde se poderá visitar ata o 5 de febreiro. A mostra organízase en cinco espazos dentro da sala de exposicións temporais, ademais de varias obras que toman outros recunchos do edificio, como a espectacular ‘Ayous ou Barca solar’ situada no acceso á zona acristalada. En total son unhas 60 obras que abarcan todos os seus períodos e estilos creativos.

Na mostra están obras representativas como ‘Pía’, exemplo do seu traballo con grandes bloques de granito; ‘Palisandro’, unha escultura articulada paradigmática d a súa creación de esculturas articuladas con madeiras nobres; ‘Zafra’, que lembra a súa implicación na difusión da escultura contemporánea na Galicia dos anos 70. Tamén as pezas en cerámica articulada, nas que foi pioneiro, ou o seu traballo actual con obxectos atopados aos que outorga novos significados.

O director do Museo, José Manuel Rey, explica que a mostra “parte do noso labor de  contribuír á difusión e a investigación da arte galega. A creación dos e das artistas do país ocupa unha posición central no discurso do Museo”. O director salienta que Silverio Rivas é un dos nosos creadores vivos máis importantes e pon o foco no traballo desenvolvido pola comisaria e o artista para que esta exposición sexa unha realidade: “Beatriz de San Ildefonso propón unha revisión da obra de Silverio Rivas que cobre toda a súa traxectoria, desde os anos 70, cando se inicia na abstracción, ata a actualidade. Foi un proceso no que o artista estivo moi presente, implicándose de maneira intensa na montaxe”.

O propio escultor referenda esa idea de traballo conxunto: “Toda exposición é unha complicidade entre a comisaria e o autor. Ao principio parten de conceptos diferentes. Cada un vai aportando as súas ideas e pouco a pouco vanse poñendo de acordo. Eu respecto as propostas da comisaria e ela respecta as que fago eu e buscamos un termo medio para conseguir que a exposición reflicta ben o traballo do escultor”.

Beatriz de San Ildefonso explica que “esta é a primeira exposición antolóxica que se lle dedica a Silverio Rivas, pero as obras non están cronoloxicamente situadas, senón que quixemos seguir un pouco o espírito do seu taller, no que cada espazo ten a súa función. Aquí cada espazo está ordenado por materiais, por formas, por volumes, seguindo o espírito dese taller tan especial que ten Silverio en Regueiro (Paramos, Tui)”.

Silverio Rivas engade que se fixo “unha cronoloxía á inversa: primeiro aparecen as pezas recentes e remátase coas primeiras. No medio hai pezas que non se corresponden cronoloxicamente entre elas pero dialogan”. A comisaria pola súa parte afonda na importancia do silencio presente desde o título da exposición: “O silencio é fundamental; Silverio quere traballar en silencio, e iso é o que quere reflectir esta exposición”.

Na exposición inclúense pezas con materiais tan diversos como o granito, o bronce, a madeira, a cerámica ou o aceiro, entre outros, e o seu uso de solucións como a ensamblaxe, as esculturas articuladas, o pulido perfecto das pezas e a apertura de ocos e fisuras. Unha parte moi importante das obras expostas provén da colección do propio artista e de varias coleccións particulares. A isto súmanse esculturas cedidas por museos e entidades: CGAC, Consorcio Zona Franca de Vigo, Afundación, Abanca e Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.  

Xornada sobre escultura galega

Ademais de visitas guiadas todos os sábados pola mañá, a mostra acompañarase dunha xornada de reflexión e debate sobre a escultura galega contemporánea. Será o 19 de xaneiro, organizada polo Museo de Pontevedra coa colaboración da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Na xornada, Miguel Anxo Rodríguez González trazará unha breve historia da escultura galega contemporánea. Unha mesa redonda moderada por Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade de Belas Artes, xuntará ás artistas Amaya González Reyes e Basilisa Fiestras e ao escultor e profesor universitario Javier Tudela para debater sobre a escultura na actualidade.

A comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, disertará sobre a obra de Silverio Rivas. Pechará a xornada unha visita guiada á mostra a cargo da comisaria e do propio artista. 

 

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.