A Deputación amosa as potencialidades do destino Pontevedra provincia na feira Expovacaciones en Bilbao
Turismo Rías Baixas presenta no seu stand a campaña “Orixe” na 43 edición da importante feira bilbaína, dirixida principalmente a público finalista que busca destino para as súas vacacións
06/05/2023
Despois dunha ponte de maio cuns excelentes resultados de ocupación turística na provincia, que rozou o 80% e nalgunhas zonas acadou o 90%, e diante das previsións que anticipan “un verán espectacular”, a Deputación continúa a intensificar o traballo en materia de promoción do destino Pontevedra Provincia e está a mostrar esta fin de semana toda a súa potencialidade na 43 edición da recoñecida feira Expovacacións, que se celebra no Exhibition Center de Bilbao.
A delegación provincial, coa deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, dispón dun stand de 35 metros cadrados no que desde onte venres está a presentar os recursos da campaña Orixe, que busca posicionar ao destino como o lugar idóneo no que vivir experiencias a través de eventos como festas de interese turístico internacional, ademais de visitar lugares únicos relacionados coa cultura e o patrimonio. Expovacaciones é unha das feiras de turismo familiar máis importantes do estado e vai dirixida principalmente ao público finalista, “a xente que está a tomar a decisión de onde vai pasar as súas vacacións”, amais de organizacións de viaxes en grupo.
Ao través de Turismo Rías Baixas, a Deputación conta cunha zona expositiva, un photocall e zona de información sobre o destino e sobre a campaña actual de promoción, así como cunha pantalla na que as persoas visitantes están a ver o impactante audiovisual de Orixe, ou a avatar da Madama de Cobres que está a animar á xente a visitar Rías Baixas. O stand dispón tamén dun photocall, que está a ser moi utilizado polo público de Bilbao, que ofrece tres escenarios distintos con fotografías en gran formato: da Rapa das Bestas, da Romaría Viquinga ou das Herbas de San Xoán. Igualmente incorpora o atrezzo necesario para que as e os visitantes poidan caracterizarse no ambiente da imaxe que corresponda. Na promoción tamén se está dar información ao público vasco da oferta dos castelos musealizados de Soutomaior e Sobroso.