“Orixe Rías Baixas” conquista Nuevos Ministerios
A campaña turística da Deputación de Pontevedra, protagonista na Estación de Metro madrileña vestíndoa coas súas tradicións e o seu patrimonio inmaterial inigualable
26/03/2023
Viquingos de Catoira, veciñanza no Medievo da Arribada de Baiona, danzantes de Cobres ou Darbo, cabalos de Sabucedo, protagonistas da Coca en Redondela, zoqueiras, pandereteiras, artesás de coiro e liño, os Entroidos, a lamprea, o viño ou as paisaxes….. O vestíbulo de entrada da Estación de Metro de Nuevos Ministerios, unha das máis utilizadas de Madrid, situada en plena Castellana como principal zona comercial e financeira da capital e cun tránsito de máis de máis medio millón de persoas, énchese da cor e das emocións e tradicións únicas da provincia de Pontevedra.
A espectacular acción de promoción coa campaña “Orixe”, que foi visitada esta fin de semana pola presidenta provincial Carmela Silva, supón unha dominación completa das entradas da Estación madrileña e reforza un dos mercados que máis visitantes reporta a Rías Baixas. Paredes, barandillas, columnas, e alfombras de vinilo no chan da Estación visten desde fai un mes as potentes imaxes de “Orixe”, dando a coñecer as tradicións e o patrimonio inmaterial, protagonista este ano da promoción turística, que xurde como convite para achegarse e gozar das mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra. Unha campaña emocional, baseada nas xentes da provincia, que conecta coa cultura, a identidade local, os oficios tradicionais, as festas e os rituais milenarios, pero tamén coa vangarda que reinterpreta dende a modernidade o noso legado.
Carmela Silva, acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, percorreu as instalacións da Estación de Metro onde as potentes imaxes de “Orixe” vixían accesos e andenes. A presidenta provincial mostrou o seu orgullo porque “en só un mes, máis dun millón de persoas coñeceron xa a nosa campaña e o mercado madrileño nos interesa moito xa que é un dos nosos principais emisores”. “Amais, dixo, a campaña é unha beleza, porque mostra a ampla oferta da provincia e como o territorio marca a nosa personalidade e a nosa cultura, “un destino máxico no que vivir experiencias únicas todo o ano para desfrutar da nosa cultura, paisaxes, gastronomía e xente”.
Amais da acción promocional en Madrid, a campaña de comunicación do destino Pontevedra Provincia, que arrancou en xaneiro en Fitur, se está a desenvolver en medios on line e off line, e está destinada, sobre todo, ao público más interesado e descubrir as culturas locais de diferentes zonas do Estado. Internet é unha das apostas máis fortes da campaña con especial intensidade nas redes sociais e plataformas de compra programática, nas principais publicacións dixitais especializadas en turismo e outros soportes, que se desenvolverán durante todo o ano en varias ondas. Unha campaña on line que, segundo as estimacións, reportará á provincia en torno a 15 millóns de impresións, 75.000 clics nos anuncios e ata 3,5 millóns de visualizacións dos vídeos.