“Ti non sabes o que é ser escritora”, o libro feminista escrito polas asinantes do Manifesto de Soutomaior

A obra contén textos de Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega, todas elas asinantes do Manifesto

21/03/2023

Carmela Silva - Manifesto de Soutomaior

Os asasinatos machistas, o matrimonio forzoso, as violacións, o acoso, o aumento do machismo entre as novas xeracións, as violencias sufridas polas mulleres galegas durante a Idade Media… Nada escapa da ollada das escritoras asinantes do Manifesto de Soutomaior, por especialmente duro que sexa ou por difícil que poida ser tratalo desde unha perspectiva literaria. A Deputación de Pontevedra vén de presentar esta tarde no Salón de Plenos do Pazo provincial o libro “Ti non sabes o que é ser escritora”, composto por textos orixinais e inéditos de Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega. Cada unha das obras, nove de ficción e unha investigación histórica, están acompañadas de ilustracións de 10 creadoras ‘aliadas’ do Manifesto: Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel. No acto de presentación da publicación, que contou coa actuación da cantante Carolina Rubirosa acompañada do guitarrista Rafael Otero, a presidenta da Deputación remarcou que “as nosas historias merecen ser contadas, lidas e escoitadas”.

“Ti non sabes o que é ser escritora” trátase, en palabras de Carmela Silva, dun “calidoscopio do que supuxo e supón desgraciadamente ser muller nunha sociedade patriarcal e machista como a nosa”, a través de “personaxes e situacións coas que absolutamente todas nós nos podemos ver reflexadas e sentirnos identificadas”. Carmela Silva lembrou que “esa é a finalidade da arte: denunciar e crear pensamento crítico para que a través dela se dean as transformacións que a sociedade necesita”, polo que asegurou que “este libro, que move e remove como poucos outros, é unha verdadeira obra de arte”. A presidenta tamén puxo en valor “o talento das escritoras da nosa provincia e do noso país, mulleres dunha altísima calidade literaria, as mellores do mundo”. Ademais aproveitou para denunciar “que as desigualdades que sufrimos son intolerables e non imos descansar ata que desaparezan do mapa, en todos os ámbitos da vida”, e para lembrar que a presentación da publicación forma parte da programación do 8 de marzo da Deputación e do plan de acción posto en marcha ao abeiro do Manifesto de Soutomaior para rachar coas desigualdades que sofren as mulleres no eido das letras.

Durante o acto, as autoras leron fragmentos dos seus textos literarios incluídos en “Ti non sabes o que é ser escritora”: “Caldo de galiña”, escrito por Isabel Blanco e ilustrado por María Lapido; “A violencia contra as mulleres na Galicia medieval”, escrito por Silvia Cernadas e ilustrado por Alba Troiteiro; “A memoria do Lobo”, escrito por Mercedes Corbillón e ilustrado por Gloria Pavía; “Notas para un poema”, escrito por Ledicia Costas (lido por Edurne Baines, editora do libro) e ilustrado por Blanca Millán; “Rótulas e clavículas”, escrito por Inma López Silva e ilustrado por Sara Lars; “Modelo Náutico”, escrito por Silvia Penas e ilustrado por Andrea Jano (lido por Mariana Carballal); “Wild World Channel”, escrito por Arantza Portabales e ilustrado por Celeste Garrido (que tamén procedeu á súa lectura); “Bic Cristal”, escrito por Anna R. Figueiredo e ilustrado por Luz Beloso;“Mauser 98”, escrito por Elvira Ribeiro Tobío e ilustrado por Sofía Venzel; e, finalmente, “Nada de nada”, escrito por Rexina Vega e ilustrado por Andrea López.

A Deputación de Pontevedra edita 1500 exemplares de “Ti non sabes o que é ser escritora”, que se fará chegar aos concellos, aos centros educativos e diversas entidades da provincia de Pontevedra. O volume rematouse de imprimir, de xeito consciente e simbólico, o 8 de marzo de 2023, cando se fixeron 16 meses da sinatura do Manifesto de Soutomaior.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.