Presentación da XLIII Festa do Requeixo da Corredoira

16/06/2022

XLIII Festa do  Requeixo e I Serán da Corredoira

O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu hoxe a presentación da XLIII Festa do Requeixo e I Serán da Corredoira que se celebrará este venres e sábado en Cerdedo-Cotobade. O deputado Manuel González acompañou aos representantes da Comisión de Festas e destacou a importancia deste tipo de eventos baseados na recuperación das tradicións e produtos autóctonos como ferramentas de promoción turística. O deputado provincial felicitou á organización pola iniciativa de “promover estas festas que poñen en valor o marabilloso e potente rural que temos na provincia, o que é unha forma de manter as tradicións e apostar polos nosos produtos”. Por outra banda, lembrou  o compromiso da Deputación con este tipo de actividades culturais que contribúen a “manter as nosa identidade que compartimos a través da promoción turística para que lugares como a Corredoira en Cerdedo-Cotobade poidan chegar máis aló das nosas fronteiras”.

Bruno Cadavid, presidente da Comisión de Festas, agradeceu á institución provincial o seu apoio e animou á veciñanza a participar na celebración que comeza este venres. Tamén presentou as actividades das que se poderá gozar esta fin de semana como a venda de requeixo, cena tradicional con polbo, churrasco, viño do país e verbena. Tampouco se esqueceu de agradecer o esforzo económico e resaltar a ilusión das e dos maiores da parroquia que “transmiten o orgullo que teñen de sentir a festa como algo propio”. Pola súa parte, Miguel Anxo Fernández, membro da Comisión, presentou o I Serán da Corredoira, que contará con pasarrúas ou banda de música entre outras actividades e destacou que esta festa “aposta polo noso, pola tradición e a nosa música” e recupera unha antiga costume.