A Deputación envórcase coa Rapa das Bestas e avanza as accións do plan de sostibilidade turística para a Festa Internacional de Sabucedo

Carmela Silva anuncia a partir de setembro actuacións como a renaturalización do Campo do Medio, a posta en marcha dunha experiencia dixital para a interpretación da Rapa, un potente plan de promoción ou a creación dunha central de reservas

02/07/2022

Rapa das Bestas

A Deputación de Pontevedra respalda un ano máis a Festa de Interese Turístico Internacional da Rapa das Bestas, que comezou hoxe en Sabucedo, coa que a institución provincial colabora na organización deste acontecemento que desde hoxe volve a reunir a medios de comunicación de todo o mundo coa conseguinte proxección da provincia como destino lúdico, cultural e de calidade, ademais de promocionar as comarcas do interior do territorio como atractivo turístico. A presidenta provincial, Carmela Silva, que acompañada de deputadas e deputados do goberno asistiu “con moita emoción” a todas as actividades do día, manifestou que “é imposible non apoiar un acontecemento como a Rapa, de tanto interese cultural, histórico, etnográfico e popular así como pola súa innegable atracción do turismo”. A presidenta participou a mediodía, xunto á veciñanza e aloitadores, na “Baixada das Bestas” coa presidenta da Asociación Veciñal de Sabucedo, Montserrat Sanmartín, e estivo acompañada da nova directiva da Asociación Cultural Rapa no xantar nas carpas do Campo do Medio, no pasarrúas que correu a cargo de Airiños de Caldelas e na actuación de Tequexetéldere, previas ao curro da tarde.

Carmela Silva, xunto a integrantes das asociacións, quixo que fora o propio territorio o escenario para avanzar as actuacións que, a partir de setembr0, se destinarán a Sabucedo dentro do Plan de Sostibilidade Turística no destino Deza-Tabeirós-Montes, “Os Camiños por dentro”, que a Deputación conseguiu na convocatoria do Goberno de España para a reactivación do sector turístico mediante accións no eido da sostibilidade e a transformación dixital. “Camiños por dentro”, que conta con máis de 2 millóns de euros dos fondos Next Generation, acometerá accións no período 2022-2024 para poñer en valor un destino cunha marcada identidade, afastado da masificación, no interior, que conta con recursos para xerar experiencias auténticas, con espazos naturais da Rede Natura 2000, recursos patrimoniais recoñecidos, ou manifestacións singulares como a Rapa das Bestas.

Neste senso, a presidenta da Deputación avanzou que este mesmo ano se abordará una actuación de posta en valor do recurso ecosistémico Rapa das Bestas coa renaturalización do “Campo do Medio” onde se concentran a maioría das actividades da Festa, para recuperar os valores ecolóxicos do medio e o valor como recurso turístico. Para iso, procederase á rexeneración da Carballeira, cobertura radicular e adaptación natural das pendentes para evitar a escorrentía; a substitución de valos de madeira para a delimitación da contorna; e melloras na adecuación do terreo da zona de acampada promovendo a accesibilidade.

Ademais, coa finalidade de promover a desestacionalización entorno á Rapa, está prevista a instalación dun miradoiro na área forestal de “O Curuto”,  onde tamén se empraza un “peche” para as bestas que terá actividades asociadas: estudos previos e levantamento topográfico; proxectos de renaturalización e mellora ambiental; deseño e subministración de mobiliario; e a execución das obras de adecuación e instalación de abastecemento. Esta actuación, prevista a partir de setembro, ten un orzamento de 105.000 euros

Unha segunda acción estará centrada na creación dunha Experiencia dixital Rapa das Bestas, un proxecto audiovisual de vangarda, destinado á posta en valor deste recurso senlleiro do patrimonio cultura.  Trátase dunha aventura visual para mellorar a interpretación da propia Rapa das Bestas mediante experiencias inmersivas e inmersivas con sistema de realidade aumentada e/ou virtual que contará con proxectos previos de enxeñería audiovisual e de contidos museográficos dixitais. O orzamento elévase aos 275.000 euros e ten previsto o inicio dos traballos en novembro deste ano

Sabucedo e a propia Rapa tamén se verán beneficiadas de accións complementarias do Plan de Sostibilidade como a comunicación dixital camiño da Geira e dos Arrieros e Miñoto- Ribeiro, e a súa promoción no Norte de Portugal. Suporá a promoción on line nos mercados obxectivos nas áreas de Braga e Porto, coa creación de contidos audiovisuais tanto da propia ruta como da Rapa para divulgar a oferta e posicionar o destino como lugar de escapada e vacacións. Do mesmo xeito, Sabucedo e a Rapa entrarán no Plan de mercadotecnia dixital, que contempla un centro de reservas e promoción do destino. Trátase dunha estratexia de marketing turístico para Deza - Tabeirós Terra de Montes como destino diferenciado coa creación de paquetes tematizados segundo días de estadía e tempadas, que inclúe a creación dunha central de reservas que aglutine toda a oferta aloxativa nas diferentes modalidades e que permita dar o salto aos pequenos establecementos cara a comercialización on line. Tamén está previsto un Plan de Formación Sectorial para mellorar as competencias e a formación dos profesionais do sector en diferentes áreas relevantes para o turismo sostible abarcando toda a cadea de valor (produtores/as, hostalería, aloxamento, comercio e artesanía, guías, etc)

Galerias de imaxes