A Deputación lanza o documental ‘Acordamos’: un canto dende a música á loita polos ideais de igualdade e xustiza de principios do século XX
A segunda entrega da ‘cartografía musical’ da memoria histórica da provincia percorre Sobredo, Moaña, Lérez, a Illa de Arousa, Tomiño e Xiabre
17/02/2023
A Deputación, a través do Departamento de Memoria Histórica, presentou hoxe o documental ‘Acordamos’: un canto dende a música á loita polos ideais de igualdade e xustiza de principios do século XX e da II República. Trátase da segunda entrega da chamada ‘cartografía musical’ da memoria histórica da provincia, que nesta edición percorre lugares importantes onde se reivindicaron os avances do agrarismo, sindicalismo, economía, e educación que se deron naquel entón e a resistencia ante o golpe do 36.
A peza audiovisual foi gravada en Sobredo, Moaña, Lérez, a Illa de Arousa, Tomiño e Xiabre e reúne testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa. A idea orixinal é do Departamento de Memoria provincial, a dirección artística correu da man de Uxía, Lucas Terceiro está na dirección técnica e realización, Tito Ledesma no son en directo, Conchi Carro na produción e Carmen Conde no guión e condución. Dende hoxe , trala presentación da man da deputada de Memoria Histórica María Ortega, a técnica de Memoria Montse Fajardo e Uxía, xa está dispoñible o tráiler nas redes sociais da Deputación. A data da estrea darase a coñecer de maneira inminente.
‘Acordamos’, explicou a deputada, é a segunda andaina do proxecto de 2021 ‘Acorda’, un primeiro documental-cartografía no que se puxo o foco sobre lugares moi singulares de represión franquista. Nesta segunda parte a intención foi enfocar a loita e “gravar en lugares que simbolizan o intento que fixo aquela xeración que estreaba o século XX por construír unha sociedade máis xusta e solidaria”.
Ademais, a segunda entrega aposta por dar protagonismo á transmisión interxeracional da memoria “e fusionar as lembranzas das persoas maiores coa necesidade de coñecemento das persoas máis novas”. Esta idea vese -dixo Ortega- no propio deseño do cartaz, no que aparecen unidas unha man adulta e outra nova, e sobre todo no documental, onde se mesturan figuras musicais consagradas como Celina da Piedade, Malvela ou Luís Pastor con xente nova como Antía Muíños, Wöyza ou Son da Rúa, contando ademais con colaboracións moi especiais de rapazada, que participou na gravación dos vídeoclips tanto en Moaña como en Tomiño.
“No que coinciden Acorda e Acordamos é na mestura de música e testemuñas. Cremos que non ten sentido gravar nun lugar se non contextualizamos o que alí pasou. Facémolo con persoas expertas na memoria pero tamén con familiares de vítimas ou veciñanza de máis idade, que garda lembranzas daquel tempo”, dixo a nacionalista, quen salientou a necesidade de transmitir sentimentos para que a mocidade “xere empatía para entender o que pasou e se convenza de que non se debe volver repetir”.
O repertorio de cancións do documental, explicaron as autoras, no está escollido ao azar. Como pasou no primeiro documental, todas as pezas teñen relación coa historia que se conta en cada lugar. E nalgúns casos, como Moaña, foron compostas expresamente para ‘Acordamos’. A propia Wöyza conta no documental a súa historia familiar e tamén é orixinal e compúxose expresamente para o documental, a banda sonora, interpretada por Uxía con coros de persoas participantes na peza.
Os lugares da loita
Sobredo, unha das localizacións da gravación de ‘Acordamos’, é un símbolo das revoltas coas que o pobo galego se enfrontou ao sistema caciquil no cambio de século. Rodouse alí coincidindo coa conmemoración -o pasado 28 de novembro- do centenario do asasinato de Cándida Rodríguez e de Joaquín Estévez e Venancio González, dirixentes agrarios, durante unha protesta contra o abuso dos foros. Entre as persoas expertas que falan no documental está Marga Romero, da asociación Mártires de Sobredo, xunto á escritora María Reimóndez.
A peza que se toca, sendo unha vila transfronteriza, é unha canción portuguesa lixeiramente transformada na letra e “moi combativa” que vindica que a terra é de quen a traballa, segundo Uxía. Alí gravaron Malvela e Celina da Piedade.
En Moaña reivindícase a xente do mar e a súa loita sindical, desde Fraternidade Mariñeira, co testemuño de Luís Chapela, activista da memoria desde hai décadas. A canción interpretada foi composta por Woyza ad hoc para este emprazamento baixo o título de ‘Ruxe’ e cántaa en compaña de María Faltri e rapazada do IES de Moaña.
A seguinte parada do documental é Lérez, unha parroquia pontevedresa que en tempo da II República desenvolveu unha novidosa iniciativa para non depender da usura dos bancos: xente da sociedade agraria abriu a Caixa Rural de Lérez que funcionaba de xeito cooperativo. O vídeo gravouse na actual Casa de Cultura, que está nun local incautado á veciñanza tras o golpe e que a parroquia volveu recuperar na democracia. No audiovidual fala Xosé Álvarez Castro, historiador e testemuña dese proceso de recuperación, mentres que a canción dá de novo o protagonismo é de xente moza. O grupo SondaRúa interpreta o seu tema ‘Éxodo’ – peza na que se queixan de como a xente moza ten que volver a marchar como fixeron avós e avoas-, pero con cambios na letra adaptados a este proxecto.
A Illa de Arousa e o intento de proclamación dunha república independente realizado por un grupo de republicanos reunidos na taberna o Nicho en outubro de 1934 é o episodio escollido para representar a loita política en ‘Acordamos’. O historiador Juan Otero ‘Genito’ é unha das testemuñas e a canción, unha do grupo rock da Illa ‘’Quilma’, que canta xunto a mulleres da coral ás que no proxecto se chama ‘As Divinas’.
En Tomiño, a Escola Aurora del Porvenir, é outro dos lugares escollidos para representar o modelo educativo da II República e para homenaxear a emigración galega que mandou cartos para construír escolas nas súas vilas ou parroquias. Fala na peza a historiadora Natalia Jorge e a canción que se interpreta é ‘Los olvidados’ de Pedro Pastor da man de dúas xeracións distintas: a cantautora galega Antía Muíño fai un dueto co consagrado Luís Pastor, que fan unha versión con parte da letra traducida ao galego e con alumnado do colexio como participante de excepción.
O audiovisual pecha no Xiabre como símbolo da resistencia que o pobo galego impuxo ante o golpe. “O relato interesado do franquismo quixo etiquetarnos como un pobo submiso que recibiu o ditador cos brazos abertos, cando foron moitas as mostras de resistencia. Moitos loitadores converteron o monte no seu fogar, e co tempo as cuadrillas de xente fuxida deu paso á guerrilla”, explicou Montse Fajardo. Diso fala Marcelino Abuín , que se une á canción ‘Inda canto’ de Treixadura, que fala precisamente da estadía dos fuxidos en Lobeira. Ademais, ‘Acordamos’ ten como BSO a peza ‘Acorda’ composta por Uxía.
A cantante e directora artística de Acordamos resaltou o agradecemento ao departamento de Memoria da Deputación por levar adiante a iniciativa “xa que é unha nova oportunidade para cantar á loita e a resistencia” e subliñou o grande traballo da equipa técnica, que en parte foi renovada fronte á primeira edición.