A Deputación estrea o documental ‘Acordamos’: música para dar voz ás loitas de principios do século XX en Sobredo, Moaña, Lérez, a Illa de Arousa, Tomiño e Xiabre

A peza  inclúe música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa e testemuñas de vítimas e expertas

17/06/2023

A Deputación, a través do Departamento de Memoria Histórica, vai estrear o vindeiro martes 20 o documental ‘Acordamos’, unha peza que mestura testemuñas de vítimas e persoas expertas e música para reivindicar a loita polas ideas de xustiza de principios do século XX e os avances no agrarismo, sindicalismo, economía, e educación que se deron naquel entón, así como para poñer en valor a resistencia ante o golpe do 36.

O evento terá lugar a vindeira semana no Pazo Provincial da Deputación. Será ás 19.30 horas no salón de plenos e será precisa inscrición previa en memoriahistorica@depo.gal. Participarán, ademais da deputada provincial de Memoria María Ortega e a técnica Montse Fajardo, a directora artística da peza, Uxía.

Acordamos é a segunda entrega da chamada ‘cartografía musical’ da memoria histórica da provincia, que nesta edición segue a percorrer lugares significativos. A peza foi gravada en Sobredo, Moaña, Lérez, a Illa de Arousa, Tomiño e Xiabre e reúne testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa.

A idea orixinal é do Departamento de Memoria provincial, a dirección artística correu da man de Uxía, Lucas Terceiro foi o responsable da dirección técnica e realización, Tito Ledesma do son en directo, Conchi Carro da produción e Carmen Conde do guión e condución.

Galerias de imaxes