A banda deseñada que recolle a historia dos 9 miñoráns asasinados polo franquismo na Bombardeira, xa en papel

A novela gráfica ‘As 9 cruces’ realizada polo Garaxe Hermético xa foi visualizada e descargada nas redes sociais máis de 31.000 veces

10/03/2023

Historia dos 9 miñoráns asasinados polo franquismo na Bombardeira

A banda deseñada (BD) que recolle a historia dos nove miñoráns asasinados polo franquismo na Bombardeira (Baiona) xa está dispoñible en papel. O libro da novela gráfica ‘As 9 cruces’ impulsada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e realizada polo Garaxe Hermético –que xa fora visualizada e descargada na web e nas redes sociais preto de 31.000 veces durante súa difusión por entregas a finais do ano pasado- foi presentado hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial cunha grande acollida de público, e dende a semana próxima será repartido nos centros de ensino secundario da provincia e as bibliotecas e centros de lectura municipais, ademais de poder recollerse de balde nas dependencias do Arquivo provincial ata esgotar exemplares.

A presentación contou coa presenza da deputada de Memoria Histórica María Ortega, Xosé Lois Vilar en representación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), o coordinador da peza e responsable da escola O Garaxe Hermético Kiko Da Silva, o guionista Fernando Llor, e Alba María, responsable dos momentos musicais da xornada.

A deputada María Ortega lembrou que a novela gráfica sobre a Bombardeira é a segunda da colección iniciada con ‘Regreso á Illa de San Simón’, que pretende percorrer e explicar historias e lugares de singular importancia para a memoria histórica da provincia. Segundo dixo, o departamento de Memoria está a insistir en utilizar as bandas deseñadas no seu empeño de chegar á xente moza porque está a dar moi bo resultado. Lembrou, de feito, que na difusión que se fixo da BD ‘As 9 cruces’ por entregas semanais a finais do pasado ano o número de impresións e descargas dos diferentes capítulos chegou a preto de 31.000 e 5.000 respectivamente, tamén con milleiros de interaccións nas redes sociais.

Salientou tamén que este curso a Deputación ten en marcha un obradoiro para facer BD con temática de memoria que está a ter moita demanda nos centros de ensino secundario, e destacou que se escolleu outra vez este formato para explicar a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán co gallo das Letras Galegas de 2022, subliñando a súa condición de exiliado.

En canto á escolla da historia da ‘Volta dos 9’ na BD, a deputada dixo que era preciso divulgala porque non só reflicte a traxedia da represión, se non tamén a resistencia que mantivo o pobo negándose a esquecer a barbarie pintando durante todo o franquismo as nove cruces en memoria das persoas asasinadas sobre o chan de Baredo. “Este aceno, que no tempo de terror podía supoñer un grave risco para quen o realizaba, converteuse logo na democracia nun dos símbolos de memoria máis potentes de Galiza”, dixo.

Ortega salientou tamén o esforzo realizado por colectivos como o IEM, co que colabora permanentemente a Deputación,  para darlle tamén visibilidade ás vítimas da Volta menos recoñecidas: as viúvas e as descendencias que ficaron orfas. “Desde o departamento sempre primamos a memoria con perspectiva de país, clase e xénero e esa é a senda que segue tamén o IEM. Coincidimos tamén na necesidade de non falar só do drama, se non tamén das ideas, da sociedade que querían construír persoas como os Ineses”, insistiu.

Recuperar os feitos e as consecuencias

Na xornada deste venres tamén tomou a palabra o coordinador da BD Kiko Da Silva en nome das e dos ilustradores que participaron no traballo colaborativo: Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias.

Da Silva agradeceu a confianza da Deputación para levar adiante o traballo e quixo destacar a grande calidade e o escaso tempo no que se fixo. Apuntou a necesidade de levar a memoria histórica de Galiza á mocidade a través da banda deseñada tanto en papel como tamén a través das redes sociais, ocupando un espazo que non se toca acotío no mundo dixital. “Dámoslle voltas á cabeza para fomentar a memoria o mellor posible”, salientou.

Pola súa banda o guionista Fernando Llor salientou a necesidade de recuperar historias de represión franquista e as consecuencias que sufriron as familias tras os asasinatos. Subliñou que á hora de enfrontarse á escrita do guión da BD a dureza de reflexar os feitos foi especialmente difícil, “sobre todo pola crueldade total da Garda Civil na actuación”, e indicou que fixo o traballo dende unha perspectiva moi persoal posto que o seu avó estivo preso nun campo de concentración en Mallorca.

Dende o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) Xosé Lois Vilar puxo a nota histórica e lembrou que o 15 de outubro do 36, na Volta dos 9, un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro (José Rodríguez González, O Pelonio; Manuel Aballe Domínguez, CHolo; Modesto Fernández Rodríguez, O Rei Chiquito; Elías Alejandro Gonda Alonso, O Ghonda; Manuel Barbosa Durán, o ferreiro do Burgo; Fidel Leyenda Rodríguez, o tío Félix; Francisco Manuel Lijó Pérez, O Lijó; Felicísimo Antonio Pérez Pérez; e Generoso Valverde, ao que chamaban Largo Caballero). Todos eles, dixo, eran grandes defensores da República e foron abatidos por estaren sindicados para mellorar os seus dereitos, igual que uns días antes foran asasinados ‘Os Ineses’ pola súa vinculación coa Sociedade Obreira de Sabarís.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.