Pontevedra primeira parada da mostra “Camiños do sur” que visitará Baiona, Tui, Redondela e Caldas para espallar “as diversas miradas” da ruta

A exposición, enmarcada no proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, pode visitarse no exterior do Palacete das Mendoza en Pontevedra

18/03/2022

“Con esta mostra queremos que a xente coñeza este paraíso polo que pasa o Camiño, as nosas historias, o noso patrimonio, gastronomía e cultura. Que saiban que os mellores camiños que existen son os que atravesan a provincia de Pontevedra” asegurou Carmela Silva na inauguración, no exterior do Palacete das Mendoza en Pontevedra, da mostra itinerante “Camiños do Sur”. A presidenta, que estivo acompañada pola alcaldesa de Redondela Digna Rivas, a concelleira de Pontevedra Yoya Blanco, o concelleiro de Caldas e deputado provincial Manuel González e a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, deu deste xeito en Pontevedra o “pistoletazo” de saída á primeira parada desta mostra, enmarcada no proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, que recalará tamén en Baiona, Tui, Redondela e Caldas para espallar “as diversas miradas” da ruta.

“Agora que estamos neste  Xacobeo bianual é fundamental centrarnos en todo o que significa o Camiño para as persoas, para a vida”, destacou a presidenta da Deputación ao tempo que detallou que “Camiños do Sur” “quere dar a coñecer as rutas xacobeas dende diversas miradas, como un camiño que se desenvolve a través das cidades, vilas e pobos, que deixa unha forte pegada, non soamente polo feito de realizar o percorrido, senón tamén pola cultura, gastronomía, historia e patrimonio inmaterial e material”. Tamén persegue poñer en valor “o carácter transfronteirizo” do territorio e “que a xente nos coñeza, espertar o interese e amosar que somos xente hospitalaria, que nos encanta recibir, que queremos que veñan a coñecernos porque coñecernos é namorarse, namorarse é querer e querer é construír paz. Soamente os imperialistas cren que o único importante é o seu e están a favor das guerras. Nós somos xente de ben que queremos construír xuntas e xuntos”, engadiu Carmela Silva.

Pola súa banda a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, enxalzou o feito de que pola súa vila conflúan dúas rutas cara a Compostela, o que “nos converte nun referente e nun polo de atracción de peregrinas e peregrinos”. Rivas aproveitou a ocasión para agradecer á presidenta “o firme apoio da institución provincial a Redondela, non soamente a través desta mostra, senón polo apoio tan importante que nos presta que non é para nós senón que é para toda a veciñanza. Mentres a Deputación da leccións de como se deben facer as cousas, do resto de institucións seguimos agardando a colaboración”.

En liña con Carmela Silva e Digna Rivas a concelleira pontevedresa Yoya Blanco, que recordou o instante do vídeo da campaña da Deputación de Pontevedra “Love Rías Baixas” no que sae unha muller xaponesa que decide quedarse a vivir na provincia tras realizar o Camiño, remarcou que a ruta é “moito máis que un camiño relixioso”  polo que convidou a “gozar do camiño se é que aínda non o fixeches”.

“Camiños do Sur”, que pola noite alumeará a Praza de Santa María a través dun cubo retroiluminado coa imaxe da mostra, inclúe un mapa de gran formato cos percorridos dos camiños de Santiago que proceden de Portugal e atravesan a provincia de Pontevedra. Tamén presenta, en diferentes taboleiros, información relativa ás paisaxes, as vilas e cidades, persoas e culturas a carón dos camiños, deténdose nos percorridos e datos históricos, contrastes, relacións, similitudes, patrimonio,  tradicións e gastronomía.

A mostra, que se poderá visitar durante as vindeiras catro semanas no exterior do Palacete das Mendoza en Pontevedra, forma parte do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular” dotado con 2,5 millóns de euros financiados pola Unión Europea. Participan nesta iniciativa, xunto á Deputación de Pontevedra, outras entidades do Estado e de Portugal como as deputacións de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Sevilla, Ourense e Zamora, a Xunta de Extremadura, e, de Portugal, Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos. Amais da mostra, que despois de Pontevedra chegará a Baiona (Praza do Concello a partir do 26 de abril), Tui (Sala municipal de exposicións do edificio Francisco Sánchez dende o 2 de xuño), Redondela (Multiusos da Xunqueira a partir do 9 de xullo) e Caldas  (Praza do Camiño dende o 17 de agosto), estanse a desenvolver outras iniciativas para impulsar unha actuación homoxénea de sinalización, mellorar equipamentos, empregar tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos e implantar unha estratexia compartida para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño.

videos

audios