A mostra itinerante “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” pon o peche en Redondela cunha homenaxe a exiliada Isabel Gómez Costas

A exposición conxunta da Deputación e a Cátedra Iberoamericana que pon o foco nas mulleres e na emigración estará dispoñible ata o 28 de novembro

24/10/2022

“Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, a mostra itinerante da Deputación de Pontevedra e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago (USC) para por en valor a historia de 13 mulleres da inmigración, chegou hoxe ao Multiusos de A Xunqueira de Redondela e foi inaugurada pola alcaldesa Digna Rivas e a deputada, Olga García. O acto de apertura incluíu unha conferencia conducida por Lara Graña para render homenaxe a Isabel Gómez Costas. A presentación estivo a cargo de María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Cadaval Sampedro, directora da Cátedra Iberoamericana da USC.

A mostra, que se poderá visitar no Multiusos de A Xunqueira ata o 28 de novembro, presenta a historia de Isabel Gómez Costas. Viúva do médico e político redondelán Telmo Bernárdez Santomé e nai de catro fillas e cinco fillos. A dor pola violenta morte do seu home, fusilado na Caeira no outono de 1936, súmase a prisión dos seus fillos máis vellos e a fuxida da súa filla Isabel. A familia estivo moi perseguida en todo momento, privada de bens e da casa familiar que lles foran incautados polas autoridades rebeldes. Estas circunstancias imporanlle un duro periplo que a levará, con catro fillas e dous fillos, de Redondela a Oporto, Burdeos e París. Na capital francesa a familia residiu preto de dous anos ata que a entrada dos nazis en París lles urxa a buscar a pasaxe para marchares a México. Isabel Gómez vive máis de trinta anos en México, pero pouco se sabe da súa vida no país agás as testemuñas familiares da súa continua preocupación por sacar á familia adiante e facilitarlles o acceso a estudos superiores. Para conseguilo chego a converter a súa cas nun obradoiro téxtil no que traballaban as súas fillas, así como moitas mulleres republicanas de toda condición social.

A mostra “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”,  inaugurouse en Pontevedra e continuou por Silleda, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela onde se organizaron conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con cada localidade.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.