Arranca no Grove a mostra itinerante “Pontevedra en América. Unha mirada en feminino” cunha homenaxe a Lorena Lores
A mostra, que xa recalou en Pontevedra, Silleda, Cerdedo-Cotobade e Vila de Cruces, presenta as biografías de 13 mulleres da e na emigración
27/07/2022
"Pontevedra en América. Unha mirada en feminino", a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da USC para poñer en valor a historia de 13 mulleres da e na emigración, chega este mércores, 27 de xullo á rúa Castelao do Grove. A deputada provincial Noemí Outeda xunto ao alcalde do Grove, José Cacabelos, a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, e a directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, serán as e o encargado de dar o tiro de saída ás 21:00 horas a esta exposición que presenta a mulleres da e na emigración, recuperando as súas historias para que a sociedade coñeza todas as súas aportacións. A inauguración da mostra completarase, a partir das 21.30 horas, cunha conferencia-homenaxe a Lorena Lores na que a actriz, cantante, compositora e produtora arxentina-galega, con ascendentes do Grove, dará a coñecer a súa mirada en feminino da emigración.
A mostra presenta a experiencia vital de 13 grandes mulleres nadas na provincia que emigraron ou nadas na emigración pero cunha orixe pontevedresa, como Lorena Lores, que xogaron un papel fundamental e imprescindible, aínda que invisibilizado. Coa exposición estase a completar a historia da relación entre Galicia e América, presentando a mulleres que contan cunha importante traxectoria en diferentes eidos. No caso de Lorena Lores, nada en Bos Aires en 1968 pero con ascendentes do Grove, é secretaria xeral da Federación de Asociacións Galegas da Arxentina dende o 2018. Nesta entidade, á que cualifica como "templo da galeguidade", criouse xunto aos seus irmáns, "adoptando para sempre dúas patrias, dúas linguas, dúas culturas". É coñecida por desenvolver un papel moi activo no ámbito cultural, estreando neste mesmo ano a obra teatral "Lejano resplandor de luna", coprotagonizada por ela mesma e da que tamén é coautora, na que se conta a historia real dunha galega exiliada en Francia, que participa na liberación de París de 1944 e que despois emigra a Arxentina. Lorena Lores asegura que o seu traballo "é unha forma de homenaxear o encontro das culturas galegas e arxentina, froito da epopea colectiva que significou a emigración".
Ademais de Lorena Lores, a protagonista no Grove de "Pontevedra en América. Unha mirada en feminino", integran a mostra outras doce mulleres que serán presentadas por María Xosé Rodríguez Galdo, quen fará un percorrido guiado polos paneis que compoñen a exposición itinerante situada na rúa Castelao. Así, Rodríguez Galdo comentará a traxectoria vital e o papel imprescindible que xogaron na emigración figuras como as de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón Anisia Miranda, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez , para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión.
Tralo seu paso polo Grove, Vila de Cruces, Cerdedo-Cotobade, Silleda e Pontevedra, a mostra continuará por Vilagarcía, Soutomaior e Redondela onde se organizarán tamén conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con cada localidade. Así, se en Pontevedra as protagonistas foron Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e Teresa Táboas, en Silleda Elena Colmeiro e Virxinia Pereira, en Cerdedo-Cotobade Nélida Piñón, en Vila de Cruces Anisia Miranda e no Grove Lorena Lores; en Vilagarcía as homenaxeadas serán María Araújo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde; en Soutomaior María Vinyals e en Redondela Isabel Gómez.