A Deputación acolle mañá a xornada #PoliÁgora destinada a formar a axentes das policías locais da provincia para defender o espazo público para as persoas

Falarase da seguranza viaria, prevención de accidentes, organización de estacionamentos e de como conseguir que nas vilas entre só o tráfico necesario

25/10/2022

A Deputación de Pontevedra vai celebrar mañá unha xornada formativa dentro da Facultade Ágora destinada a axentes municipais dos concellos da provincia. O obxectivo é formalos na defensa do espazo público para as persoas achegando conceptos sobre seguranza viaria, prevención de accidentes, organización de estacionamentos e como conseguir que nas vilas entre só o tráfico necesario.

O deputado Uxío Benítez será quen abra a xornada, na que participarán a xefa provincial da DXT, Paula Yubero, así como o director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedr Daniel Macenlle, o inspector principao-xefe da Policía Local de Pontevedra José Manuel Duarte Solla, o oficial xefe da Policía Local de Ponteareas e o policía local e voceiro da Policía Local de Pontevedra Manuel Omil.

Segundo explica o responsable provincial, o seminario denominado #PoliÁgora foi deseñado especialmente para axentes dos corpos municipais de policía, unha peza fundamental no bo mantemento dos espazos públicos recuperados para as persoas. Esta xornada é “necesaria” –afirma o nacionalista- debido a que a pesares de haber vontade para realizar actuacións de reforma e mellora urbana a filosofía da recuperación do espazo público “ás veces é asimilada con dificultade por parte dun corpo que historicamente traballou cun modelo oposto, no que o bo funcionamento do espazo público consistía en dar facilidades á mobilidade motorizada”.

Pola contra, apunta Benítez, con esta xornada búscase concienciar e aprender conceptos de maneira interactiva sobre como a Policía Local debe ser o primeiro axente á hora de defender o espazo público recuperado para as persoas, xa ben dende a perspectiva  da prevención de accidentes, da redución da velocidade, de evitar o uso do espazo público por parte dos vehículos a motor de maneira ‘espúrea’, do deseño e organización de esquema de estacionamento para conseguir que nas vilas entre só o tráfico necesario, ou de como alcanzar a colaboración e complicidade da cidadanía.

A xornada de #PoliÁgora desenvolverase no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra mañá 26 de outubro entre as 9.30 e as 14.30h.