A Deputación de Pontevedra aproba nun Pleno extraordinario o Orzamento máis alto da súa historia, 189,2 millóns, que destina un de cada tres euros a apoio directo aos concellos

As contas provinciais reforzan os investimentos en áreas estratéxicas para o Goberno como son o Turismo, Deporte e Cultura

10/11/2023

Quen dixo medo?

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria,  o Orzamento máis alto da súa historia. Un Orzamento que alcanza os 189,2 millóns de euros e que o Goberno provincial define como “as contas do municipalismo” porque lle dedican un de cada tres euros ao apoio directo aos concellos da provincia. Ademais, o documento aprobado recolle unha clara aposta por áreas estratéxicas para o executivo que encabeza Luis López como son o turismo, o deporte e a cultura, que incrementan notablemente as súas partidas en comparación co ano anterior.

Coa aprobación en Pleno deste Orzamento, que obtivo os votos favorables dos deputados do Grupo Popular e o rexeitamento dos deputados do PSOE e do BNG, o Goberno provincial cumpre o seu compromiso de facer que as novas contas, as primeiras do mandato de López, entren en vigor o primeiro día do próximo ano. “Dixemos que este goberno ía ter en vigor o 1 de xaneiro os Orzamentos de 2024 e aquí estamos para debatelos e aprobalos o 10 de novembro, cumprindo a nosa palabra”, comezou o voceiro do Goberno provincial, Jorge Cubela, a presentación das contas.

Os 189,2 millóns de euros do Orzamento supoñen un incremento de 7,6 millóns máis que as contas do ano anterior, é dicir, unha suba dun 4,2 % comparado coa cifra do 2023. Un orzamento que reflicta “un municipalismo histórico, unha aposta clara polo turismo, o deporte e a cultura e moita sensibilidade co reto demográfico, a xuventude, a cooperación, o medio e a atención aos traballadores desta casa”, argumentou Cubela antes de debullar os detalles de cada unha das principais partidas.

O apoio aos concellos, centro da acción de goberno

A partida para Cooperación, dotada cun total de 66 millóns de euros, crece un 16 % con respecto ao exercicio anterior. Un incremento de 9,3 millóns de euros que serve para sufragar o maior plan de obras e servizos da  historia da Deputación, o programa +Provincia. Este plan, que dispón dunha contía de 48,2 millóns, está formado por catro liñas para apoiar os concellos de menos de 50.000 habitantes en materia de investimentos, emprego, gasto corrente e, como novidade, elaboración de proxectos de futuro e transformadores. Esta área de Cooperación inclúe tamén os convenios particulares coas cidades de Vigo e Pontevedra, dotado cada un con 7,5 millóns de euros, ou o Plan Provincia Comunitaria, co que se destinan 2 millóns de euros ao tecido asociativo e reserva un millón de euros ao Plan +Aqua, para apoiar as comunidades de usuarios de auga nunha mellor explotación dos recursos hídricos da provincia.

Aposta decidida polo turismo, o deporte e a cultura

Outros eixos estratéxicos deste documento son o turismo, o deporte e a cultura. Na primeira área, o Orzamento provincial recolle unha suba do 1,8 % ata situar a partida nun total de 5,6 millóns de euros. “A subida real é moito maior, superior ao millón de euros, porque rematan subvencións europeas, pero a Deputación mantén a aposta polo turismo con fondos propios”, explicou o voceiro.

En deporte, o incremento é dun 19 %, e sitúa a partida nun total de 5,5 millóns de euros. Unha cifra que é aínda maior ao ter en conta o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas aprobado polo Goberno cun importe total de 4 millóns de euros.

A cultura é outro dos piares da acción do Goberno de Luis López. O Orzamento dedicado a esta área é de 4,7 millóns de euros, o que supón un incremento don 20 % con respecto a 2023. Neste eido, tamén se reforza o apoio ao Museo de Pontevedra, que manexará un orzamento de 10,3 millóns de euros, un 3,2 % máis que no último exercicio.

Detallou Jorge Cubela, que neste primeiro Orzamento de mandato o Goberno crea un novo servizo destinado á xuventude e ao Reto Demográfico que conta con 1,2 millóns de euros para apoiar o talento da mocidade da provincia e aplicar medidas que contribúan a fixar poboación nos concellos da provincia.

Respecto polo medio

O coidado do medio é outra das liñas á que a Deputación destina unha gran cantidade de recursos para situarse en 4,9 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,4 %.

Do mesmo xeito, o Goberno provincial incrementa o apoio aos centros dependentes da Deputación como son a Finca Mouriscade (+16,5 %), o Centro Príncipe Felipe (+4,4 %), a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (+15,8 %) e a Escola de Enfermería (+5,6 %). Así mesmo, o Orzamento recolle unha mellora das condicións laborais do persoal da Deputación cunha suba salarial do 3 % ou a creación de 26 novos postos de traballo.

“O Goberno da Deputación de Pontevedra vaise caracterizar por recibir, atender e gobernar para toda a provincia”, concluíu o voceiro do Goberno provincial, Jorge Cubela.

Galerias de imagenes