A Deputación presenta aos concellos de menos de 20.000 habitantes os seus plans para impulsar a transformación dixital cos fondos Next Generation

A Deputación, que dispón de 2,5 millóns de euros, impulsa a creación de 1.000 postos de traballo intelixente, visores de transparencia e apps cidadás, entre outras medidas

27/10/2022

A deputada delegada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e a de Fondos Europeos, Iria Lamas, explicaron aos concellos da provincia os plans da Deputación para seguir impulsando a dixitalización da Administración local no marco da convocatoria de subvencións convocadas ao abeiro do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia do Goberno de España. Nesta convocatoria, a Deputación ten asignados máis de 2,5 millóns de euros de fondos Next Generation que pode xestionar entre os concellos de menos de 20.000 habitantes.

A Deputación de Pontevedra, que xa foi sinalada polo Tribunal de Contas como a máis destacada xunto coa de Barcelona no apoio á Administración electrónica, detallou que entre os obxectivos das axudas están a mellora da accesibilidade dos servizos públicos dixitais á cidadanía e ás empresas, a redución da fenda dixital, a mellora da eficiencia e eficacia das e dos empregados públicos, a reutilización dos servizos e solucións dixitais construídas ou o emprego activo das tecnoloxías emerxentes. Ana Mejías quixo recalcar que esta é “unha oportunidade excepcional de consolidar á provincia de Pontevedra como referente na dixitalización da súa administración local”, e lembrou que a Deputación leva desde o ano 2016 traballando na liña da transformación dixital, o que fai que esteamos “ante unha situación de vantaxe” e nunha “posición privilexiada respecto da meirande parte de entidades locais”.

Desde que se anunciou a convocatoria, no mes de setembro, o servizo provincial de Novas Tecnoloxías vén traballando nunha análise pormenorizada do tipo de proxectos e actuacións viables, tanto desde o punto de vista técnico como no do cumprimento de prazos, que poden ser solicitados. Tras este traballo, a Deputación presentou aos concellos unha proposta global para as cinco liñas da convocatoria, que inclúe distintas opcións de dixitalización ás que se poden adherir os concellos para consolidar así a posición de vangarda da provincia na dixitalización da Administración local.

Na primeira das liñas estratéxicas, “Unha administración orientada á e ao cidadán”, a Deputación propuxo aos concellos de menos de 20.000 habitantes a creación dun portal de transparencia dos concellos e dunha plataforma web e app de comunicación entre a cidadanía e os concellos que inclúe a posibilidade de informar e xestionar incidencias. No caso da segunda, “Operacións intelixentes”, proponse un sistema de videoacta para plenos con ou sen megafonía, que permita facer streaming das sesións plenarias ou contar cunha mediateca dixital, entre outras vantaxes. En canto á terceira liña, “Goberno do dato”, proponse crear dous visores de seguimento da Estratexia 2030 e da Axenda Urbana para poder analizar e avaliar a situación dos concellos en canto á implementación dos ODS e outros indicadores. Ademais, na liña das “Infraestruturas dixitais” a Deputación ofrece equipamento para os servizos de hosting e incrementar a capacidade do Centro de Procesamento de Datos (CPD) e ata 1.000 postos de traballo intelixentes de mobilidade para as e os empregados públicos, favorecendo así o teletraballo. Por último, no que respecta á “Interoperabilidade de servizos de administración dixital”, liña de obrigada execución, a provincia de Pontevedra parte dunha posición de vantaxe respecto da meirande parte das provincias posto que todos os concellos adheridos ao proxectos provincial da Administración Electrónica da Deputación dispoñen xa dalgunhas das actuacións que deben ser implementadas, como unha aplicación de rexistro de entrada e saída plenamente interoperable a través do sistema de interconexión de rexistros (SIR), a xestión de notificacións electrónicas e a de facturación electrónica. Agora deberán implementar a Carpeta Cidadá.

Os alcaldes e alcaldesas teñen agora a posibilidade de facer chegar á Deputación aquelas outras propostas ou necesidades que poidan engadir. A Deputación, por tanto, queda aberta ás suxestións que encaixen coas bases da convocatoria, coa finalidade última de elaborar unha proposta consensuada. Ademais de elaborar e presentar os proxectos, a Deputación tamén cooperará cos concellos que se adhiran ao plan na licitación dos concursos das diferentes actuacións que se soliciten e na xustificación dos investimentos realizados, un requisito obrigatorio para a concesión de fondos Next Generation.

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 24 resultados.