Os concellos da provincia reciben nova formación en xestión de proxectos do Plan de Recuperación da man da Deputación
Persoal técnico e político de preto de 20 concellos participou nunha nova xornada telemática para aprender todo o necesario sobre os diferentes procedementos e a normativa dos fondos NextGenerationEU
05/11/2022
No seu afán por seguir achegando aos concellos da provincia de Pontevedra as oportunidades que ofrecen os fondos NextGenerationEU, a Deputación de Pontevedra desenvolveu unha nova actividade formativa na que o persoal técnico e político de preto de 20 concellos puido afondar máis nos procedementos de xestión destes proxectos. O Plan de Recuperación, posto en marcha polo Goberno do Estado para aproveitar estes fondos europeos, leva consigo unha oportunidade máis tamén un reto a nivel de xestión das administracións locais, na medida en que non contan cos recursos técnicos e de persoal precisos para afrontar os trámites cos que hai que cumprir.
A deputada delegada de Fondos Europeos, Iria Lamas, e a directora da Oficina de Proxectos Europeos, Susana Fernández, foron as encargadas desta actividade telemática na que o persoal encargado da xestión de proxectos e subvencións, de contratación, intervención e secretaría, entre outros, ademais de coñecer todas as posibilidades que ofrecen os fondos NextGenerationEU e os procedementos de xestión, execución e control dos mesmos, recibiron formación sobre o cumprimento dos principios de xestión específicos do PRTR.
Desta maneira, as entidades locais puideron formarse para coñecer a normativa e instrucións de referencia dos fondos, comprender en maior profundidade a estrutura de xestión dos mesmos, cales son os fitos e obxectivos que hai que cumprir, que é a etiquetaxe verde e dixital ou o significado do concepto Do No Significant Harm (DNSH), entre outros. Tamén tiveron a posibilidade de formarse na definición, planificación e xestión de subproxectos, no sistema de información, reporting e test de autoavaliación, no emprego da Plataforma Común de Fondos Europeos (CoFFEE), o sistema de control ou cales son os pasos a dar unha vez que contan cun proxecto aprobado.
Esta formación enmárcase dentro das accións que a Deputación de Pontevedra realiza a través da Oficina de Proxectos Europeos para facilitar o acceso ás oportunidades de financiamento da Unión Europea aos concellos da provincia. Ademais do apoialos na xestión e control de proxectos, traballa na difusión de axudas dirixidas aos concellos ou na asistencia para a presentación de proxectos. O persoal dos concellos, por outra banda, teñen á súa disposición un repositorio con material de apoio, no que se inclúen documentos como manuais, anexos, presentacións e materias empregadas nas formacións ou material de contratación.