A Deputación traslada o seu apoio á veciñanza de Pazos de Borbén na súa “xusta reclamación” cara á transformación da estrada dos Valos
O deputado de Infraestruturas Gregorio Agís volve a instar ao alcalde a que “dunha vez e por todas poña os terreos a disposición para facer una obra para a que temos todo listo desde fai catro anos: recursos, proxecto e prazos”
14/12/2022
A Deputación de Pontevedra trasladou novamente o seu máximo apoio aos colectivos veciñais de Pazos de Borbén nas súas reclamacións que o deputado de Infraestruturas Gregorio Agís definiu hoxe como “unha loita xusta” para que dunha vez e por todas a institución provincial poida acometer a esperada transformación da EP 2702 Amoedo-Os Valos. Agís lembrou que “na Deputación levamos catro anos esperando, instando e chamando ao Concello para que poña a disposición os terreos necesarios para esta obra que transformará por completo un viario perigoso, polo intenso tráfico que soporta, e que necesita entre outras cousas a corrección dalgúns puntos do trazado”. Tamén recordou que a Deputación, que mantivo varias reunións co alcalde para instarlle a acelerar o proceso, xa lle ofreceu incluso a opción de iniciar un proceso expropiatorio, facendo a institución todo o proceso administrativo, “como se fai co resto dos municipios da provincia e non temos resposta”.
O deputado agradeceu expresamente aos colectivos veciñais “o seu importante esforzo para mediar, falar con propietarios e propietarias e facilitar as cesións de parcelas afectadas. De feito, as asociacións trasladaron ao Concello que falaron xa cos 41 que tiñan os terreos e que na súa grande maioría todos estiveron de acordo. Sen embargo, engadiu Agís, o alcalde ata o momento só trasladou á Deputación a ficha de 14 das 41 parcelas, co que segue sen poñer a disposición da Deputación os terreos polo que non podemos empezar o procedemento”. Gregorio Agís cualificou de “inaudito” que veciñas e veciños de Pazos lograran un acordo para facilitar a cesión de parcelas e que o alcalde, que é quen ten que pechar a xestión non o fixera. “Ao mellor, dixo, hai que pedirlle un maior esforzo”.
O deputado recordou que “nós temos todo listo e preparado. Temos o proxecto redactado, un orzamento de case un millón de euros e levamos catro anos xunto á veciñanza agardando que o Concello cumpra co seu traballo”. Finalmente, Agís trasladou “a máxima preocupación do goberno da Deputación” polo estado no que está a estrada, polo que advertiu ao alcalde de Pazos que “asuma a súa responsabilidade de calquera cousa que pida pasar”.
O proxecto da Deputación para a mellora integral da seguridade viaria na EP Amoedo- Os Valos suporá a transformación desta estrada na que amais da reparación do asfalto, corrixirá “un trazado inadecuado, algo moi necesario para a veciñanza e as persoas usuarias desta vía, e a súa adaptación aos criterios do século XXI”. Acometerá a ampliación da plataforma para a dotación de arcenes e tamén a corrección das curvas con menor visibilidade, amais de cumplir con todas as directrices da Diputación en toda a rede provincial de estradas.