A Deputación licitará o proxecto de mellora integral da seguridade viaria na estrada os Valos-Amoedo en canto o concello de Pazos entregue os terreos

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, reuniuse co alcalde, Andrés Iglesias, e valorou o avance na colaboración municipal: “Non queriamos facer un simple asfaltado, porque entendiamos, ao igual que a veciñanza, que o trazado necesita correccións”

10/10/2022

Unha nova xuntanza celebrada entre o deputado de Infraestruturas provinciais, Gregorio Agís, e o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, vén de dar un impulso á execución do proxecto integral de mellora da seguridade viaria na estrada EP-2702 Os Valos-Amoedo, que a Deputación leva catro anos tratando de acometer. O Concello expresa agora a súa vontade de colaborar para a posta a disposición dos terreos necesarios para corrixir os puntos máis conflitivos do trazado.

Gregorio Agís agradeceu especialmente á veciñanza a súa activa cooperación para facilitar esta necesaria obra, que conta cun proxecto redactado por valor de 968.984 euros para optimizar a estrada entre o núcleo de Nespereira e o remate no entronque coa N-550, en Os Valos, é dicir, entre os PQ 6+500 e o PQ 7+980. A Deputación asumirá o 100% da actuación ao tratarse dun tramo sen presión residencial e que, por tanto, non require nin de senda, nin da instalación de servizos municipais. Ademais, a Deputación comprométese a licitala en canto os terreos estean dispoñibles. “Temos normas iguais, aprobadas no Pleno e publicadas, para tódolos concellos e mantemos un diálogo constante con tódalas alcaldías”, remarcou Agís. Deste xeito, o deputado valorou o paso do alcalde de aceptar colaborar na tarefa de obter os terreos. Ademais agradeceu a cordialidade desta última xuntanza (a terceira que se celebra) na que o rexedor vén de expresar a súa vontade de  sumarse ao entendemento que xa existía coa veciñanza.

O proxecto provincial para Amoedo-Os Valos incluirá, por tanto, a ampliación da plataforma para dotación de beiravía e tamén a corrección das curvas con menor visibilidade. “É unha obra de envergadura, deseñada no marco  das directrices da Deputación para transformar toda a rede provincial de estradas e que precisaba da colaboración do Concello de Pazos nas mesmas condicións pautadas nas que colaboran o resto dos concellos”, explicou Agís. “Hai un consenso en que a estrada de Os Valos a Amoedo non só ten un asfalto en mal estado, que é preciso reparar, senón que conta cun trazado inadecuado que, polo ben de toda a veciñanza de Pazos e polas persoas que utilizan a diario esta vía, é necesario mellorar con criterios do século XXI; por iso necesitábamos que o Concello se implicase na obtención dos terreos e poder así resolver as cuestións de fondo”. “Non queriamos facer un simple asfaltado, porque, ao igual que a veciñanza, entendemos que ese trazado necesita correccións”.

A Deputación anunciou tamén ao alcalde a súa vontade de continuar de xeito inmediato coa segunda fase das obras nos case 8 Km da EP-2702, xa na contorna do núcleo de Nespereira. Para responder ás necesidades desta zona, con densidade de poboación, preténdese executar unha senda peonil dotada de iluminación e de servizos soterrados de competencia municipal. Nesta segunda fase sería precisa, por tanto, a sinatura dun convenio de financiamento de acordo cos  criterios aprobados pola Deputación. O proxecto será encargado en canto se senten as bases desta nova colaboración institucional. Finalmente, está planificada unha terceira fase ata o comezo da estrada en Amoedo.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).