A Deputación repartirá 150.000 euros en axudas para rehabilitar embarcacións tradicionais e patrimonio marítimo fluvial na provincia este 2023

A deputada María Ortega agarda un novo récord de solicitudes, xa que a liña de subvencións cumpre o seu cuarto ano e esperta máis interese en cada edición

21/02/2023

A Deputación, a través do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico, vai repartir neste 2023 outros 150.000 euros de axudas para rehabilitar embarcacións tradicionais e instalación de patrimonio marítimo fluvial. As subvencións, cuxas bases foron aprobadas xa en Xunta de Goberno e sairán publicadas en breve no BOPPO, cumpren a súa cuarta anualidade e cada vez espertan máis interese entre os colectivos da provincia, polo que a deputada María Ortega confía en que este ano se chegue a unha nova cifra récord e se esgote o crédito.

As subvencións desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, pretenden poñer en valor un patrimonio singular do país. Entre as actuacións que poderán recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento.

As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización. Entre as actuacións subvencionadas están as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial.

Así mesmo, inclúense nas axudas as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. As intervencións deberán referirse a unha única construción ou instalación en terra.

Todas as actuacións subvencionadas deberán ter empregado solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.

O importe máximo para cada actuación non poderá exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil euros, se ben no caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite por proxecto.

En 202o, a liña de axudas para a recuperación e posta en valor do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 14 colectivos; en 2021 chegou a dezaseis asociacións, e en 2022 foron un total de 21 colectivos os interesados.

Galerias de imagenes